Rob Gowland
TheGuardian
(Semanario obreiro do Partido Comunista de Australia)
14/10/15
Traducido do
inglés por Aqueloutras
Que sería da propaganda antisoviética sen
Stalin como bode expiatorio? Vaites, seguramente aínda estaría entre nós, abofé.
É unha potente arma dentro da munición da loita de clases, e os ideólogos do
capitalismo úsana decotío. Cando a Unión Soviética existía, calquera nova sobre
os seus logros e innovacións era suprimida sempre que fose posíbel. Cando non o
era – como aconteceu, por exemplo, co Spútnik ou os avións soviéticos- botaban
man do escarnio e a calumnia.
Cando era estudante lembro como un
compañeiro de aula me contou que os estibadores foran á folga para arruinaren a
economía e posibilitaren a chegada dos rusos e que estes tomasen o mando. Como
teoría da conspiración é difícil de superar.
Mais toda esa desinformación promovida con coidado empezou a chegar ao
pouco tempo do comezo da Revolución.
Que Lenin era un «axente alemán» e os
Soviets (consellos de traballadores e soldados) querían destruír o modo de vida
cristián e «abrir a fronte aos alemáns» foron as primeiras mentiras
antisoviéticas. Houbo moitas máis (como a sorprendente e quizais a máis
memorábel de que «Lenin comía bebés»), mais cando Lenin encetou a Nova Política
Económica (NEP) para reconstruír a desfeita economía após a Guerra Mundial, a
Guerra Civil e a intervención militar estranxeira (Rusia permaneceu estivo en
guerra no seu propio territorio desde 1914 até 1922), as características da
propaganda antisoviética trocaron.
Esencialmente, a NEP significou a
introdución dunha economía mixta mentres a nova sociedade reconstruía a
infraestrutura do país, sentando os piares da reactivación da capacidade
produtiva. Os capitalistas dixeron ao mundo, porén, que a NEP amosaba que a
Revolución fracasara e que Lenin comprendera que o Socialismo non valía.
Estes ataques á NEP foron acompañados
por outros ataques semellantes provenientes da ultraesquerda representada polo
opositor a Lenin no Comité Central do Partido Bolxevique, León Trotski. Para
rematar coa división e as críticas, a NEP cancelouse antes de tempo. Lenin
finou en 1924, após un ano de exceso de traballo e tensión constante. Tiña só
54 anos, o que lle serviu á propaganda occidental para afirmar con ousadía que o
seu sucesor como líder bolxevique, Stalin, puidera envelenalo. É a típica
calumnia que non precisa ser demostrada para ser eficaz. As probas médicas
soviéticas foron tachadas de «propaganda». Stalin fixo ben o seu traballo, especialmente nunha
colectivización da agricultura que sería a base socialista para poder alimentar
un proletariado industrial cerne da nova sociedade. Anteriormente,
aproximadamente un 5% das 25 millóns de granxas rusas eran propiedade dos
campesiños ricos (kulaks), e o 35%
dos pobres (o resto eran do campesiñado medio). Os kulaks tentaron sabotar a colectivización, axudados por opositores
de dentro do Partido Bolxevique, principalmente oportunistas de dereitas e de
esquerdas, seguidores respectivamente de Bukharin e Trotski.
A determinaren que a colectivización
da agricultura debía fallar e así desacreditaren o Goberno soviético e o
liderado de Stalin no Partido, estes elementos antipartido, con fondos e outras
axudas do estranxeiro, aproveitaron a mentalidade de pequenos propietarios
persistente entre os campesiños para os persuadiren de non uniren as súas
granxas ás dos campesiños pobres e que estes non tirasen proveito disto, e para
que non cooperaran ou trataran como iguais aos numerosos campesiños sen terra.
Inclusive foron convencidos para se desfaceren das súas colleitas e animais
antes de se uniren ás granxas colectivas, «doutro xeito, simplemente os
bolxeviques collerán todo». Tamén sabotaron a semente dos cultivos, envelenaron
as reservas de carne e, como norma, levaron a cabo unha guerra clandestina
contra o poder soviético e os seus esforzos por construír o socialismo na URSS.
O resultado foi a fame en diversas
zonas do país, algo aproveitado polos propagandistas do capitalismo para
afirmaren que, por algunha causa inexplicábel, Stalin causara a mantenta a
fame. Cunha acción tal, dificilmente o campesiñado sería gañado para o
socialismo, mais o obxectivo da propaganda non era defender o socialismo senón
convencer os traballadores occidentais que o sistema soviético se baseaba na
brutalidade criminal e no xenocidio. Provocar deliberadamente a fame era «a
clase de cousas que farían os comunistas».
Cando uns poucos anos despois o
Goberno soviético puxo en marcha medidas decisivas para asegurar a súa
retagarda perante os evidentes preparativos dos gobernos occidentais para
lanzaren unha nova guerra contra Rusia encabezada pola Alemaña nazi, a
eliminación de potenciais quinta columnistas foi obxecto dunha propaganda
antisoviética sen precedentes. A liña propagandística centrouse en reiterar
incansabelmente que Stalin «eliminaba os seus inimigos».
E cando foi evidente que os políticos
e propagandistas occidentais tentaban provocar unha guerra entre Alemaña e
Rusia, en beneficio doutros países occidentais, e que non existía ningunha
posibilidade de formar unha significativa alianza antifascista, a dirección
soviética tivo que gañar tempo asinando
un pacto de non agresión con Alemaña. Isto provocou a ira nos gobernos
occidentais, que puxeron os seus propagandistas a vomitaren todo tipo de lixo
equiparando Stalin con Hitler.
Máis tarde, cando a URSS tivo que
recorrer á forza militar para mover a súa fronteira cun aliado de Alemaña
fortemente armado, Finlandia, de volta á periferia de Leningrado, a súa
imaxinación chegou a unha nova dimensión. Calquera babecada servía para
utilizar como propaganda antisoviética. Aparentemente Stalin presidía a
maquinaria militar máis incompetente que endexamais vira o mundo. O Goberno
británico tentou intervir na guerra do lado dos finlandeses, mais a poboación
mostrouse pouco disposta. Antes de que puidese ser convencida, Finlandia
demandou a paz e moveu a fronteira.
Anteriormente, os xuízos públicos dos
elementos quintacolumnistas na Rusia foran ridiculizados. Mentres, os nazis
andaban a procura de simpatizantes nazis en toda Europa (e alén) para lideraren
os estados monicreques que formarían o Gran Reich Alemán: o decepcionado duque
de Windsor en Inglaterra, Quisling en Noruega, o mariscal Pétain e Pierre Laval
na Franza, Jozef Tiso en Eslovaquia, a familia real grega de orixe alemá en
Grecia, Ante Pavelic en Croacia, e na Rusia o xefe do breve Goberno Provisional
anterior á Revolución, Kerenskii, o xeneral da Garda Branca Denikin e o
exiliado León Trotski foron todos eles tenteados.
Cando a guerra chegou a Inglaterra e
Churchill se converteu en Primeiro Ministro, despachou o duque de Windsor ás
Bahamas, deixándoo en fóra de xogo, xunto con moitos outros simpatizantes nazis
que, como quintacolumnistas, deixaron de seren un perigo. Cando a guerra chegou
a Rusia, era relativamente pouca a actividade da quintacolumna (aínda que,
loxicamente, algúns había), mais en canto o Exército Vermello desgarrou as
entrañas do exército de Hitler e gañou a guerra – a un prezo infernal - a propaganda sobre os xuízos, que realmente
eran iso as coñecidas como «purgas de Stalin», comezou de novo.
É máis, intensificouse pola urxente
necesidade de destruír a imaxe excesivamente positiva da Unión Soviética como
resultado do seu papel na guerra. O propio Churchill resucitou a idea de
Goebels verbo dunha “cortiña de ferro” presuntamente erguida sobre Europa polo
malvado ditador Stalin, idea en que se centraron con paixón os propagandistas,
medios e políticos occidentais.
Stalin non se deixou intimidar polos
políticos occidentais e as súas ameazas de usaren armas nucleares –
monopolizadas polos EUA durante varios anos - e confiou no poder do movemento
obreiro para lles parar os pés, ao tempo que a URSS mantiña unha política de
apoio ao cambio revolucionario na Europa do Leste e China, ao movemento
anticolonial e ao movemento da clase obreira en todo o mundo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário