Slodoban
Lekic
TheDallas Morning News (15/08/2010)
Traducido do inglés por Aqueloutras
Mentres os Estados Unidos lanzaban as
súas bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki en agosto de 1945, 1.600.000
soldados soviéticos encetaban un ataque sorpresa contra o exército xaponés que
ocupaba o leste de Asia. Aos poucos días, o exército que o emperador Hirohito
tiña nesas costas, formado por un millón de soldados, colapsou.
Foi un cambio transcendental na
batalla do Pacífico da Segunda Guerra Mundial, aínda que eclipsado en boa parte
nos libros de historia polas bombas atómicas guindadas sobre Hiroshima e
Nagasaki nesa mesma semana hai agora 65 anos. Mais nos últimos anos algúns
historiadores argumentan que a acción soviética foi tan eficaz como as bombas
soviéticas, ou posibelmente máis, en lograr a fin da guerra.
Un recente traballo dun profesor da
Universidade de California, Santa Bárbara, axuda a reforzar esta opinión,
argumentando que o medo á invasión soviética convenceu os xaponeses a se
renderen aos estadounidenses, coidando que estes os tratarían máis
xenerosamente que os soviéticos.
As forzas xaponesas no nordeste
asiático tiveran un primeiro enfrontamento cos rusos en 1939, cando os
primeiros tentaron invadir Mongolia. A súa esmagadora derrota na Batalla de
Khalkhin Gol obrigou a Toquio a asinar un pacto de neutralidade para manter a
URSS fóra da guerra do Pacífico.
No seu lugar, Toquio centrouse nas
forzas estadounidenses, británicas e holandesas, conducindo esta dinámica ao
ataque sobre Pearl Harbor o 7 de decembro de 1941.
Mais após a rendición alemá o 8 de
maio de 1945, e tras as derrotas en Filipinas, Okinawa e Iwo Jima, Xapón petou
na porta de Moscova para mediar a fin da guerra do Pacífico.
Porén, o líder soviético Iosif Stalin xa
prometera a Washington e Londres que atacaría Xapón nos tres meses posteriores
á derrota alemá. A desbotar a súplica de Toquio, mobilizou máis de un millón de
soldados na fronteira de Manchuria.
A Operación Tormenta de Agosto
principiou o 9 de agosto de 1945, como o lanzamento da bomba sobre Nagasaki, e
acabaría coa vida de 84.000 xaponeses e 12.000 soldados soviéticos en dúas
semanas de loita. As forzas soviéticas acabaron a só 30 millas da principal
illa do norte do Xapón, Hokkaido.
«A entrada soviética na guerra xogou
un papel moito maior que as bombas atómicas na rendición xaponesa, xa que
rachou con calquera esperanza xaponesa de pór fin á guerra coa mediación de
Moscova», afirma Tsuyoshi Hasegawa, en cuxo recente traballo Racing the Enemy estuda a fin da guerra
do Pacífico a botar man de arquivos soviéticos recentemente desclasificados así
como documentos estadounidenses e xaponeses.
«O Emperador e os partidarios da paz
(dentro do Goberno) buliron para remataren a guerra agardando que os americanos
tratarían con máis xenerosidade a Xapón que os soviéticos», di nunha entrevista
Hasegawa, profesor de orixe xaponesa da Universidade de California.
A despeito do número de mortos no
bombardeos atómicos – 140.000 en Hiroshima e 80.000 en Nagasaki - , o Cuartel
Xeneral Imperial coidou posíbel frear unha invasión aliada de conservar o
control de Manchuria e Corea, que provían Xapón cos recursos necesarios para a
guerra, segundo afirman Hasegawa e Terry Charman, historiador da Segunda Guerra
Mundial no Imperial War Museum de
Londres.
«O ataque soviético trocou todo isto»,
comenta Charman. «Toquio entendeu que xa non tiñan ningunha esperanza e, neste
sentido, a Operación Tormenta de Agosto pesou máis na rendición xaponesa que as
bombas atómicas.»
Nos EUA, os bombardeos aínda se ven
como un último recurso contra un inimigo decidido a loitar até a morte. O
presidente Harry Truman e os líderes militares estadounidense pensaban que unha
invasión custaría centos de miles de vidas americanas.
O impacto da invasión soviética déixase
sentir nas verbas do Primeiro Ministro xaponés, Kantaro Suzuki, a defender a
rendición perante o seu Gabinete. O libro de Hasegawa recolle a cita: «De perdermos
esta oportunidade hoxe, a Unión Soviética conquistará non só Manchuria, Corea e
Sakhalin, senón tamén Hokkaido. Temos de rematar a guerra mentres poidamos
pactar cos Estados Unidos.»
Nenhum comentário:
Postar um comentário