Eliseo Fernández
«Un importante rasgo distintivo
do sindicalismo de preguerra foi o anticlericalismo. Aínda que o poder da
igrexa ía minguando a medida que algunhas formas democráticas ían arraigando na
nosa terra, a comezos de século a institución eclesiástica aínda controlaba
importantes mecanismo de poder, que afectaban terreos tan importantes como o
ensino, ou a celebración de actos polo nacemento e a morte das persoas. Foi por
iso que as forzas de esquerda, nos primeiros tempos, argallaron unha especie de
resistencia civil contra aquela omnipresente institución: erguendo escolas
laicas ou celebrando actos civís (matrimonios, nacementos e enterros),
militantes socialistas, anarquistas e republicanos amosaban a súa opción
aconfesional.
A actitude da igrexa e dunha
sociedade maioritariamente católica foi pouco tolerante perante aquelas novas
actitudes: foi frecuente o apedreamento dos enterros civís, impediuse o
funcionamento das escolas laicas (atacando innovacións hoxe fora de dúbida como
a coeducación, a liberdade de cátedra ou o ensino da sexualidade), e
multiplicáronse as dificultades para as persoas que vivían á marxe da igrexa e
dos seus rituais. E naquela actitude de intolerancia cimentouse un odio mutuo
que perduraría por moitos anos.
En Ferrol a influencia da
igrexa foi diminuíndo a medida que ía avanzando o século XX, pola forza de
republicanos, socialistas e anarquistas, que ían afianzando espazos de
liberdade para as persoas que desexaban vivir á marxe da relixión e das súas
institucións; mais nas vilas e aldeas da comarca, esta tarefa facíase moito
máis complicada, xa que o ambiente pechado característico do rural favorecía a
ancestral influencia relixiosa. Neste eido xogaron un importante papel moios
emigrantes retornados, que voltaron aos seus lugares de orixe cunha perspectiva
diferente diante do fenómeno relixioso; como algúns deles viñan tamén con certo
poder económico, podían exercer con máis liberdade a súa opción, a pesar do
sarabullo que levantaban as súas actitudes.
O anticlericalismo expresouse
coa fundación de sociedades culturais como a Sociedad de Librepensadores
“Martín Lutero” ou o Centro de Estudios Sociales “Floreal”, con actos de
propaganda anticlerical, como os que protagonizaron Avelino Barcón, Andrés
Mascaró, o ex crego Matías Usero, e os membros da Liga Anticlerical Ferrolana
en xullo e setembro de 1932, o cambio de nome das rúas (desaparecendo os nomes
relixiosos e aparecendo os de Pablo Iglesias, Francisco Ferrer ou Francisco
Suárez, por exemplo) mais tamén tivo expresións máis radicais, como os ataques
a igrexas e a destrución de símbolos relixiosos: foi o caso do derribo do
cruceiro de Canido en xaneiro de 1932, o incendio da igrexa de Cervás en
setembro do mesmo ano, ou o ataque á igrexa da Merced en xullo de 1933, entre
outros.
Talvez a máis pintoresca expresión daquel
anticlericalismo popular ía ser o nome que se impuña aos fillos da parellas
socialistas, anarquistas ou republicanas, quen fuxindo dos nomes do santoral,
recollían nomes alegóricos, de personaxes literarios, ou de líderes sociais
doutras latitudes. Foi así como o militante socialista Antonio Filgueira
Vieites, por exemplo, lle puxo aos seus fillos os nomes de Electra, Libertad,
Germinal e Marxima, mentres que o anarquista Raimundo Castro chamáballe á súa
filla Acracia ou Amalia Fraguela facía o mesmo coa súa filla Luz Armonía; aínda
hoxe, algúns dos nosos paisanos e paisanas levan algúns daqueles significativos
nomes como Sol, Palmira, Vida, Libertario, cos que os nosos maiores expresaban
o seu anticlericalismo e a súa rebeldía. Despois de 1936 viñeron tempos mouros,
nos que moitos homes e mulleres que levaban anos vivindo xuntos tiveron que pasar
pola vicaría, houbo que disimular aqueles significativos nomes e mesmo persoas
feitas e dereitas tiveron que se batizar para poderen casar e viviren coas súas
parellas. Por sorte o camiño de progreso emprendido polos nosos devanceiros só
podía retrasarse, mais era imposíbel detelo.»
Nenhum comentário:
Postar um comentário