What’s left
Semellaba inevitábel que o mesmo día en que os
xornais occidentais amenceron ateigados de eloxios ao recentemente finado heroe
da liberación nacional de Sudáfrica, Nelson Mandela, outro heroe da liberación
nacional africana, Robert Mugabe, debía ser vilipendiado. «Con case 90 anos,
Mugabe continúa a dirixir a economía de Cimbabue á ruína», láiase Geoffrey York
en The Globle and Mail de Canada.
Mandela e Mugabe son figuras chave da
liberación dos negros do sur de África do poder branco. Daquela, por que a
riada de aleluias por Mandela e os continuos ataques a Mugabe? Por que é
Mandela o bon líder da liberación nacional e Mugabe o mao?
Moito disto ten a ver co grao en que os
proxectos de liberación de Sudáfrica e Cimbabue ameazaron os intereses económicos
brancos e occidentais, case nada na Sudáfrica de Mandela e considerabelmente no
Cimbabue de Mugabe.
A propaganda occidental dinos que Mandela era
bon porque era un “demócrata”, mentres Mugabe é mao por ser un “ditador”. Mais
abonda rascar a superficie para deixar asomar os intereses económicos que hai
detrás disto.
En Sudáfrica a propiedade da terra continúa en
poder da minoría branca, como pasaba durante o apartheid. A redistribución da
terra, no mellor dos casos, tivo lugar a paso de tartaruga. En Cimbabue, a
terra pasou dos colonos brancos e os seus descendentes ás mans da maioría
negra. A economía surafricana está dominada polos brancos e occidentais.
Cimbabue está dando pasos cara ao control indíxena da economía, poñendo o
control maioritario das riquezas naturais do pais e os medios de produción en
mas dos negros.
A importancia crucial dos intereses económicos
na demonización occidental de Mugabe fica ao descuberto na denuncia que York
fai do plan para nacionalizar [indigenize]
a compañía canadense New Dawn Mining, algo que obrigaría a uns poucos
canadenses ricos a entregaren as súas participacións maioritarias na explotación
da riqueza mineral de Cimbabue. Para
York, un goberno africano que dea ao seu pobo a posesión da súa propia economía
é impensábel, mais moitos países ricos, incluído Canada, fixeron o mesmo.
Mandela, en troca, rexeitou as peticións para
nacionalizar as minas de Sudáfrica, aceptando a dominación branca e occidental
da economía do país como un principio fundamental dunha boa xestión económica.
E así temos que Mugabe, que deu a terra e as
riquezas minerais aos negros africanos quitándollas aos descendentes dos
colonos brancos e os propietarios estranxeiros, é visto como a reencarnación do diaño nun xornal canadense
que se ocupa de informar desde a perspectiva dos intereses empresariais
canadenses. As empresas canadenses queren que os países do mundo lles abran as
portas das súas riquezas, e non gustan
de gobernos que se interpoñan no seu camiño. E Mandela non o fixo.
Reciclando os habituais mitos que conforman o
paradigma anti-Mugabe, o propagandista de
The Globe and Mail afirma que as
dificultades económicas de Cimbabue son debidas á pésima xestión de Mugabe, non
ás sancións occidentais. Sanción que limita, erroneamente, a restricións nas
viaxes de Mugabe e os seus máis achegados. Isto esquece a estadounidense Lei de
Recuperación Económica e Democrática de Cimbabue, que bloqueou a asistencia
financeira a Cimbabue por parte das institución internacionais de crédito, un
grande obstáculo para o desenvolvemento económico do país. É como se York culpa
da destruída economía da Unión Soviética após a Segunda Guerra Mundial á má
administración comunista, borrando da historia a Operación Barbarossa ou a invasión nazi. York tan só sigue o
procedemento estándar do sistema de propaganda occidental, atribuíndo os
problemas económicos dun país á má xestión e non ás sancións que os provocan.
Nenhum comentário:
Postar um comentário