Os trotskistas ianquis semellan tan
apalermados como os nosos autóctonos cuartistas
|
Nas últimas semanas produciuse un medre
considerábel nas actividades do movemento antiguerra nos EUA, tendo lugar
protestas en decenas de cidades –máis de 50 só o 7 de setembro-, incluíndo
fortes demostracións en Nova York e Chicago. Un artigo publicado no Socialist Worker o 10 de setembro, “En
pé contra a guerra e contra a ditadura”, explica por que a ISO (nas súas siglas
en inglés) é unha organización irrelevante ou, aínda peor, unha eiva para o
medre do movemento contra outra guerra dos EUA.
Escrito polo militante da ISO Eric Ruder, o
artigo pon o foco encol de tres organizacións socialistas -Freedom Road Socialist Organization (FRSO), Workers World Party (WWP) e Party
for Socialism and Liberation (PSL)- por defenderen Siria na súa loita
contra unha furiosa embestida do imperialismo occidental, dos estados árabes
reaccionarios e dos israelís.
Nós, a FRSO, sempre deixamos claro a nosa
posición, que non é outra que apoiar os que resisten o imperialismo.
Sectarismo
contra os sirio-americanos
O movemento contra a guerra é unha fronte
unida, reunindo no seu ceo distintos puntos de vista. As análises sobre o que
está a suceder en Siria non son as mesmas, e hai que unir persoas que teñen
perspectivas distintas. Para opornos a un ataque dos EUA contra Siria é
importante palabras de orde que nos unan a todos, como “Mans fóra de Siria” ou
“Non á guerra dos EUA en Siria”. Isto é un feito.
Tamén debe ser a nosa obriga construírmos a
unidade cos sirio-americanos que están preocupados polas súas familias e apoian
o seu país na batalla contra o imperialismo. Por desgraza este non é o caso da
ISO.
En moitas cidades os sirio-americanos constitúen
a forza máis grande, dinámica e constante no actual movemento contra a guerra. A
maioría diríamos que isto é algo positivo, mais a ISO non. Optan estes por se
queixaren das bandeiras, cartaces e retratos que os sirio-americanos levan ás
protestas.
Por exemplo, os sirio-americanos en Chicago
son moi activos nas manifestacións contra a guerra. Como avalía isto a ISO? O
artigo de Ruder di: «As feas consecuencias do apoio do movemento contra a
guerra ao réxime sirio foron ben visíbeis en Chicago, onde organizadores da
protesta “Mans fora de Siria” convidaron repetidamente a subir ao palco a
representantes do Foro Sirio-Americano...». Que cousas! Sirio-americanos
axudando a organizar manifestacións, participando masivamente e a miúdo falando
desde o palco!
A ISO, que nunca destacou por unha forte
oposición á intervención estadounidense en Siria, cando por fin decidiu
participar das manifestacións contra a guerra, semella que ficou sorprendida de
atopar sirio-americanos expresando as súas opinións. Para eles, algo “feo”. Se
callar, ao mellor é a ISO quen representa o “Americano Feo” [Ugly American].
A ISO e
a demonización de Siria
No mesmo momento en que Washington e os seus
voceiros tentan satanizar o Goberno sirio, ISO está a tratar de facer outro
tanto entre a esquerda. Por tanto, critican o Goberno sirio por ser un opoñente
“inconsciente” do imperialismo e gaban os “rebeldes”.
Parémonos nisto. O Goberno de Siria fixo máis
para oporse ao imperialismo do que a ISO fará xamais. Siria ofrece moita axuda
a Palestina. Tamén ás forzas patrióticas e democráticas do Líbano. Siria, Irán
e os movementos de liberación nacional do Líbano e Palestina son pezas
fundamentais no campo da resistencia ao imperialismo e ao sionismo no Medio
Oriente.
Daquela, que di o artigo da ISO disto? Segundo
eles, Siria non só é un opoñente “inconsciente” do imperialismo, senón que «Occidente
considera o réxime sirio como un valioso activo que pode axudar no mantemento
da actual estrutura hexemónica do poder na rexión, aínda que prefire debilitalo
para así facelo máis servil».
A administración Bush adoitaba dicir que Siria
podería ser considerada como para do “Eixo do Mal”. Durante os dous último
anos, Washington gastou máis de mil millóns de dólares para destruír o Goberno
sirio, e agora ameaza cun ataque militar. No entanto, nas visións do mundo da
ISO, o Goberno sirio é un «ben prezado» para Occidente. É abondo complicado
tomarse en serio semellante análise.
Non é cuestión de dicir que Siria é perfecta
ou socialista, ou que sempre fai o correcto. Trátase de que non debemos unirnos
aos que nos gobernan na súa demonización do Goberno sirio.
Canto aos “rebeldes”, o veredicto da historia
é claro. Un pode debater a natureza das manifestacións contra o Goberno sirio
de hai varios anos atrás e que causas as provocaron, mais hogano, neste
momento, a oposición está comprada, pagada e dirixida polos EUA e os réximes
árabes máis reaccionarios.
O
anti-imperiaslimo é unha boa cousa
Os EUA construíron un imperio que se estende
por Asia, África, América do Sur e o Medio Oriente, tamén por outros lugares. O
seu obxectivo é roubar a terra, o traballo e os recursos naturais dos demais,
mentres enriquece a elite que dirixe o país. Este imperio é repelente, sostido
polo poder militar estadounidense, os escuadróns da morte e os gobernos
sipaios.
É positivo que existan movementos de
liberación nacional en lugares como Colombia ou Palestina, liderando poderosos
movementos que combaten o imperialismo. Golpean o noso común opresor e
constitúen un paso adiante para os pobos condenados polo imperialismo
estadounidense.
Tamén é unha boa cousa que existan países que
abandonaron a órbita do imperialismo. Entre eles está Siria. Isto é bo para o
pobo sirio, para a loita no Medio Oriente e para todos os que queremos un mundo
sen imperialismo.
A ISO considera estraño este punto de vista
nun socialista. Porén, eles son os que non encaixan.
Hai pouco publicamos unha declaración do
Partido Comunista Sirio, en que podíamos ler: «A defensa do réxime nacional
sirio, que enfronta, coa cabeza alta, todos os métodos de agresión, rexeitando
toda humillación e submisión, significa a defensa do país, a súa soberanía e a
súa independencia». Francamente, isto é o que a maioría de revolucionarios de
todo o mundo penas. Boten unha ollada ao que Cuba ou Venezuela din sobre Siria.
Poderíamos seguir, mais o tema é bastante obvio.
Os revolucionarios e socialistas temos a
necesidade de facer análises concretas das situacións concretas. Falamos de
marxismo: comprender a realidade para cambiala. Todo neste mundo é o produto de
procesos históricos reais que podemos coñecer a través do estudo. Isto inclúe
Siria.
A ISO utiliza o enfoque contrario: coidan que
o mundo é como lles gustaría que for. No seu mundo, estamos diante dunha
revolución árabe, e non dunha oposición creada no estranxeiro. Ven forzas
progresistas onde non hai, e cando as forzas que resisten o imperialismo teñen
fallos, din que os que resisten son iguais que os imperialistas.
O mundo nunha foi e nunca será como o dita un
feixe de ideas preconcibidas. O movemento contra a guerra merece algo mellor
que as críticas se salón da ISO.