Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

27 de setembro de 2015

Quen está detrás da “Rede Siria para os Dereitos Humanos”?







Emmanuel Wathelet
Investig’Action
17/09/15
Traducido do francés por Aqueloutras

«A primeira vítima da guerra é a verdade», afirmara Rudyard Kipling. Algo particularmente certo no caso tráxico da Siria. Neste artigo cuestionarei a validez dunha serie de gráficos amplamente difundidos estes últimos días nos medios occidentais que virían demostrar o carácter unilateralmente criminal  do accionar de Bachar Al-Assad no conflito sirio.
O 13 de setembro chamoume a atención un chío de Kenneth Roth, director executivo de Human Rights Watch, que mostraba un gráfico indicando que só o 6% das operacións de Assad tiñan como obxectivo o Daesh. Ao non aparecer ningunha fonte, pregunteille sobre a orixe desta información, lembrando o apoio inicial da poboación siria a Assad revelado nunha enquisa do qatarí Gulf Times en decembro de 2012.
Kenneth Roth non se molestou en responder a miña mensaxe, mais un tal “Abdul” (@al_7aleem), baixo pseudónimo, publicou outro gráfico, por suposto tamén contrario a Assad, que afirmaba que «o 95,4% dos civís mortos na Siria» foran asasinados polo réxime (1). Presionado pola necesidade de citar as súas fontes, afirmou que os datos proviñan «dunha organización de dereitos humanos con sede na Siria» e que foran compilados pola “Syrian Network for Human Rights».



 Esta «rede siria», segundo Abdul, «non está financiada por goberno estranxeiros» e «utiliza rigorosas medidas de validación». É importante subliñarmos que o prestixioso xornal Le Monde tamén botou man destes gráficos, como o demostra un artigo de Maxime Vaudano, publicado o 8 de setembro, cun inequívoco título que contén as conclusión da SNHR sen as cuestionar: «Quen provocou na Siria a maioría das vítimas, o EI ou o réxime de Bachar Al-Assad?» (2). Sinalar que a web da SNHR colga todos os artigos dos diferentes medios onde son citados (3).




Como veremos, estas afirmacións son mentiras descaradas. Botemos unha ollada á famosa “Rede Siria para os Dereitos Humanos”. Na súa web preséntanse como unha organización «independente» que investiga «as violacións cometidas por todas as partes» no conflito sirio desde 2011. Esta organización, como o hoxe amplamente desacreditado “Observatorio Sirio de Dereitos Humanos” (4), está rexistrada en Inglaterra, país que non é neutral. No entanto, afirman contar con «decenas de investigadores e activistas» na Siria. O principal problema desta organización? Nada di sobre o seu financiamento. Sabemos, por unha parte, que este traballo require de importantes fondos e, por outra parte, que ninguén está tan tolo como para financiar unha organización que actúe contra os seus propios intereses. Polo que coñecer as finanzas da SNHR axuda a comprender os intereses da organización. Como xa comentei, a SNHR ten moito coidado en non especificar de onde proceden os seus fondos. Porén, a súa web dinos que “rede siria” é membro do ICRtoP (International Coalition for the Responsability to Protect), como se mostra na seguinte imaxe:





Esta «coalición internacional» fai referencia a un principio que estabelece a «responsabilidade de protexer» e que se utiliza para xustificar a intervención militar no estranxeiro. Gravouse en mármore dentro do documento final da cimeira mundial de 2005 da ONU. Por tanto, estamos perante un principio máis que discutíbel, xa que, en función das forzas e intereses dos diferentes actores, permite atacar un terceiro país. É contrario ao dereito internacional e ao principio de non inxerencia que exixe «o respecto á soberanía política dun Estado mediante a non intervención nos seus asuntos internos» (5). No ICRtoP non son moi explícitos verbo do seu financiamento. Mais como acontece coa SNHR, é posíbel comprobar na súa web quen é o seu “pai”. De facto, para manter correspondencia co ICRtoP hai que se dirixir ao “World Federalist Movement-Institute for Global Policy”, como podemos ver aquí:





O “World Federalist Movement-Institute for Global Policy”, no entanto, é bastante máis locuaz a respecto do seu financiamento. No apartado «about us – our funders», un listado das organizacións doadoras dinos como de «independentes» e «non gobernamentais» son estas organizacións. Xulguen vostedes (6):






Unha investigación polo miúdo de cada un destes doadores de fondos probabelmente sería moi esclarecedora, mais non é o tema deste artigo. Que vemos? Primeiro que son varios os gobernos, en contra do argumentado por Abdul, que financian a SNHR a través do ICRtoP e o World Federalist Movement. Afirmar que esta organización non se financia con fondos gobernamentais é unha mentira obvia. Tamén é interesante subliñar que todos estes gobernos (por non mencionarmos a propia Unión Europea) pertencen ao campo occidental. Non atopamos, por exemplo, o financiamento ruso ou venezolano. Xa que logo, o conxunto de doantes presentan unha uniformidade ideolóxica evidente. Agora lembre: ninguén quere financiar unha organización que vai en contra dos seus intereses.
Os gobernos non son a única fonte de financiamento do World Federalist Movement (nin probabelmente a máis importante, aínda que a organización non informa sobre cifras). En primeira posición aparece a Fondation Ford e, un chisco máis abaixo, a Open Society Foundations do especulador multimillonario húngaro George Soros. A se presentar como un filántropo, o empresario Soros colleu sona en 1992 ao lanzar un ataque especulativo contra a libra esterlina, que afundiu Gran Bretaña na recesión provocando terríbeis consecuencias sociais. Un ano despois, Soros fundou o Open Society Institute que, como indica Bruno Drweski, «apoia a liberación das economías e a fragmentación do tecido social mediante unha política que favorece, so o pretexto da tolerancia, a emerxencia de identidades culturais, étnicas, relixiosas e morais xustapostas e contrarias unhas con outras». Moi ligado ao grupo Carlyle e ao complexo industrial militar, «Soros coopera e cofinancia organizacións como Human Rights Watch, Freedom House, National Endowment for Democracy».
Moitas son as fontes que expoñen como estas organizacións, ligadas ao Departamento de Estado  estadounidense, participaron na desestabilización de moitos países do mundo formando e financiando a oposición (7), con total desprezo do dereito de non inxerencia (8). Polo que estas organizacións están moi afastadas de seren organismos «independentes» que informan sobre as violacións cometidas por todas as partes involucradas.
E que pasa cos dous protagonistas que transmitiron esta información en Twitter? Kenneth Roth, como se explicou ao comezo deste artigo, é precisamente o director de Human Rights Watch, unha organización financiada por George Soros (9). Mentres que Abdul é o responsábel dun blogue que busca «desacreditar os medios assadistas» (10).



A iconografía empregada no seu blogue e, en particular, a imaxe dun puño non é inocente. Utilizada inicialmente polo movemento serbio Otpor! (George Soros foi, máis unha vez, un dos seus doadores), a imaxe foi retomada durante as revoltas árabes por activistas que, como demostra Ahmed Bensaada no seu libro American Arabesque (11), foron adestrados e financiados por diferentes organismo na órbita da CIA. Así, o activista en Twitter @al_7aleem está tamén ligado aos intereses dos Estados Unidos ou, cando menos, reclama esta filiación.
Certamente o exército e a intelixencia sirias cometeron e comenten abusos. Non existe guerra “limpa”. Porén, os gráficos falsos publicitados pola prensa occidental tender a culparen o bando sirio de seren o principal responsábel dos masacres. Polo tanto, o apoio da OTAN e os seus aliados a grupos fanáticos na Siria, como acontecera na Libia, non busca, como afirma a Open Society Foundations, «fortalecer a lei, o respecto dos dereitos humanos, as minorías, a diversidade de opinións e os gobernos democraticamente elixidos», senón, ás avesas, sementar o caos.

Notas:
1. Toda a conversa está dispoñíbel no meu twitter, @manuwath.
2. http://www.lemonde.fr/les-decodeurs/article/2015/09/08/en-syrie-qui-de-l-ei-ou-du-regime-de-bachar-al-assad-a-fait-le-plus-de-victimes_4748890_4355770.html
4. Inclusive a web informativa atantico.fr subliña «a innegábel subxectividade» deste «observatorio»: http://sn4hr.org/blog/category/inmedia/
8. Para obter máis información sobre isto, Investig’Action publicou numerosos artigos que unha busca de “Soros” recupera parcialmente.
11. Investig’Action publicará en breve unha nova edición ampliada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário