A industria cinematográfica
occidental sempre botou man dunha lente grisalla para representar calquera
cidade do antigo campo socialista. Poalla, friaxe de vez e ceos encapotados
conforman a simboloxía climatolóxica da ideoloxía socialista creada polo
inimigo. Ambiente inhospitalario concorde cunha estrutura socio-económica
deshumanizada... Ou tal é o que nos tenta facer crer a burguesía desde hai unha
chea de lustros.
Malia a simpleza da ecuación,
esta non deixa de ter notábel suceso. Coido non exaxerado falarmos dun
imaxinario colectivo que reproduce a seguinte dicotomía: por unha parte, unha
economía “libre”, garante da “democracia”, que impulsa as persoas que
“arriscan”, que “emprenden", á forza ten de producir unha arte “fresca”,
“anovadora”, xenial, sen valados a coutaren o desenvolvemento creativo... Pola
outra, ás avesas, a economía planificada e controlada polo Estado, propia dun
sistema socialista, dará lugar a creacións limitadas polo ríxido xustillo do
aparello burocrático, con parruma no canto de alma e co único obxectivo, xaora,
de renderen culto aos líderes, sendo os artistas como aquel Gletkin, o robot “leninista” creada polo
choranabizas de Arthur Koestler no seu Darkness
at Noon.
Willi Sitte, e así nolo
aprenden desde os escasos obituarios aparecidos na prensa burguesa, era un
destes últimos.
Mais nós, comunistas, teremos
algo que dicir deste razoamento tan rañón, non si? Aínda que coido abondo
mencionar a expresión “clases sociais” e facer unha poucas preguntas para
botarmos ao caldeiro do lixo tan repetida argumentación. Por exemplo: que clase
acude á ópera ou ao teatro nos países capitalistas?, e nos antigos países
socialistas?; a que clase pertencen os directores cinematográficos ou os
pintores nos países capitalistas?, e nos socialistas?; que clase se ve
representada nas obras artísticas dos países capitalistas e cal nos
socialistas?; e sobre todo, que intereses de clase defende a arte nos países
capitalistas e cales nos antigos socialistas?
Por que esta zuna contra Willi Sitte? Simple,
porque non se vendeu. Fiel sempre ao seu país de adopción, a República
Democrática Alemá, e ao socialismo, as súas conviccións foron sempre tan rexas
como a cerna do buxo. E ben doado que tiña conseguir o renome, os cartos e o
luxo que a tantos traidores outorgaron os capitalistas. Mais que mellor pago e
que maior luxo que o respecto e recoñecemento do pobo traballador alemán e da
militancia popular de todo o mundo?
Puido ser como o nazi-tsarista Solzhenitsyn,
elevado aos altares das deidades da “Democracia” polos “seus” libros,
compilacións de recortes dos máis reaccionarios xornais daqueles exiliados
fascistas que puideron liscar a lume de biqueira do campo socialista. Libros
que, aínda hoxe!, constitúen fontes fiábeis para os historiadores burgueses.
Ou puido pasar ao Occidente e
ser como o chotas de Orwell, quen mentres subministraba listaxes de comunistas
escribía obras menores convertidas en clásicos da literatura universal por obra
e graza do aparello de propaganda capitalista.
Si,
é certo que os gañadores escriben a Historia, como tamén é indubidábel quen
está a gañar agora. Polo que na Historia da Arte oficial, a que se ensina nos
liceos e facultades, Willi Sitte aparecerá, moi brevemente, na lista de
artistas “institucionais”, “burócratas” e demais cualificativos que ben
coñecemos. Mais cando a viradeira entre en funcionamento, cando os pobos -e non
o imperio- fagan a Historia, cando as clases traballadores -e non a burguesía-
escriban a Historia da Arte, daquela haberá que dedicar un capítulo principal
aos artistas que, como Willi Sitte, primaron o pobo fronte ao peto. Para elas e eles, o
noso máximo respecto.
|
Grandes asulagamentos no Po |
|
Homenaxe a Lenin |
|
O Cortexo |
|
Obreiro químico no posto de control |
|
Sobreviventes |