Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

27 de outubro de 2013

Siria: Legalidade Internacional? Uso de armas químicas? Impórtacheme un pataco



A militancia comunista e antiimperialista en xeral ten de fuxir como da peste da rota discursiva marcada polo inimigo. Limitarmos o noso discurso a unha sucesión de réplicas aos argumentos lanzados polos imperialistas occidentais é camiñarmos carrouleando por un rego inzado de trampas que só pode conducir á derrota.

O caso sirio

Afortunadamente, após EUA ameazar cun ataque directo sobre Siria, medraron considerabelmente as voces a se oporen a unha agresión no Medio Oriente. Mais dita agresión por parte das potencias occidentais, cando menos de xeito indirecto, principiou hai xa dous anos. Tempo este en que boa parte destas voces estaban caladas ou, aínda peor, facían ademán de repetiren o mesmo guión que Washington utilizou co gallo do ataque a Libia. De facto, moitos dos que agora condenan unha, cada vez menos, posíbel agresión non tiveron reparos en serviren de altofalantes desa versión hollywoodense que nos falaba dunha revolución en marcha na Libia. No anterior blogue Estoutras xa falamos sobre isto, por exemplo nesta entrada.

Ao toque de corneta dos EUA, saltan agora moitos dos que calaron durante dous anos de asasinatos masivos, violacións e crimes de todo tipo practicados por mercenarios pagados e adestrados por eses mesmos EUA, o resto de potencias occidentais e os seus aliados retrógrados das monarquías árabes.

Non contentos con marcharen ao ritmo que marcan os imperialistas, renuncian a construción dun discurso propio cementado nos postulados antiimperialistas para, como dicía, basearen a súa oposición á agresión contra Siria na réplica dos argumentos dos atacantes, principalmente o uso de armas químicas e a lexitimidade internacional. Tal como a xarda boubexa que traba na besbello ao tempo que o catueiro lle atravesa o padal.

Armas químicas

Embora todos os datos indicaren o contrario, o feito de o Goberno sirio usar armas químicas en absoluto ten de variar a posición contraria a calquera ataque sobre o país. Perante unha agresión externa, apoiada ou non polas forzas máis reaccionarias do interior, un pode botar man de todo o que teña. Na defensa da soberanía o único ilegal e prohibido é a capitulación.

As bombas de toda a vida seica son flores inofensivas en canto o debate verbo das armas químicas salta á praza. A hipocrisía verbo deste armamento é tal que seica a vítima tería que agradecer que un tradicional obús entrase pola fiestra da casa a destripar todos os membros da familia. Un masacre privilexiado, absolutamente legal e civilizado. Nada a ver cunha morte por ataque químico.

O emprego ou non de armas químicas é unha cuestión absolutamente intranscendente á hora de nos posicionarmos neste ou noutro conflito onde a soberanía se vexa ameazada polo apetito imperial, ou onde as forzas reaccionarias queiran esmagar os avanzos populares. A historia está inzada de exemplos. Sen temos que nos remontar aos espartanos, mudaría a nosa opinión sobre a Revolución Soviética que fose certo o emprego de armamento químico, evidentemente moito máis rudimentario que o actual, por parte dos bolxeviques contra dos exércitos verdes durante a guerra civil rusa? Vai ser que non.

Para alén das razóns expostas, edificarmos o discurso antiguerra sobre a negación do uso destas armas polo Goberno é una perda de tempo e unha garantía de derrota. De que vale coñecermos a “verdade auténtica” e divulgala nos nosos medios, terribelmente minoritarios, se a versión hexemónica, a “verdade fabricada”, vai ser a impulsada, na nosa área xeográfica, polas grandes empresas informativas propiedade dos plutócratas occidentais? Aínda peor, a estes medios masivos temos de engadirlles un bon feixe de medios “alternativos” que, disfrazados de informadores para a rebelión, na práctica defenderon o xenocidio libio e buscan agora outra en Siria.

De acordo, eu podo sentirme ben ao me informar sobre Siria na páxina al-Manar, por exemplo. Mais son consciente de que a práctica totalidade das persoas coas que hoxe me cruce están debidamente desinformados por medios como a TVG, La Sexta, La Voz, Público ou Galicia Confidencial. E no mellor dos casos, polo Gara ou polo seu Kaosenlared predilecto.

Unha cousa é aproveitar o discurso antiimperialista para denunciarmos as mentiras imperialistas e outra ben distinta, facermos destas mentiras o cerne da nosa argumentación.

Legalidade internacional

Nas congostras polas que camiñan de vagar as posicións contrarias á guerra, fronte as autoestradas en que circula a versión oficial, belicista e criminal, achamos un argumento contra a guerra que destapa o carácter reformista, antirrevolucionario e proimperialista de moitas voces que soben ao sollo do carro antiimperialista. Tal argumento non é outro que se opor á guerra por ser estar “ilegal” ao non contar coa aprobación da “comunidade internacional”, representada esta pola ONU, organización que é taboleiro de xadrez onde imperialistas de aquén e de alén sacrifican peóns para salvaren o seus reis.

Pretende a ONU dar leccións de ética e moral? Unha organización que, cos votos entre outros de ERC e o Bloco de Esquerdas portugués, aprobou o xenocidio libio. Pode un antiimperialista dar lexitimidade á ONU e basear o seu discurso no que esta poida dicir? Ademais, que pasaría se a ONU en calquera momento muda de postura e di si ao ataque? Daquela sería correcto o bombardeo sobre Siria?

Porque, non nos enganemos, os gobernos que agora vetan esta posibilidade modulan a súa posición exclusivamente en función dos seus intereses económicos. E no taboleiro de xadrez estes intereses poden trocar após un simple movemento de peza. Que ninguén sexa tan iluso como para ver un pouso do pasado antiimperialista na actual negativa do Goberno ruso a un ataque (directo) sobre Siria.

Concluíndo

Desde hai máis de dous anos, miles de mercenarios e voluntarios relixiosos de 80 países, adestrados, armados e protexidos polas potencias occidentais e árabes, están a causar o maior dano posíbel a Siria, a provocaren un éxodo de centos de miles de persoas e o asasinato de milleiros.

Queren acabar cun dos poucos muros de contención do imperialismo occidental e do criminal sionismo. Queren varrer do globo un dos poucos focos de apoio con que conta a Resistencia Palestina.

Perante esta realidade, nada importa o uso ou non de armas químicas e moito menos o que diga ou deixe de dicir a putrefacta ONU.

VIVA SIRIA SOBERANA!
MORTE AO IMPERIALISMO!