Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp
Mostrando postagens com marcador anticomunismo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador anticomunismo. Mostrar todas as postagens

19 de outubro de 2015

A propaganda antisoviética e Stalin
(1ª Parte)



Rob Gowland
TheGuardian (Semanario obreiro do Partido Comunista de Australia)
14/10/15 
Traducido do inglés por Aqueloutras

 
Que sería da propaganda antisoviética sen Stalin como bode expiatorio? Vaites, seguramente aínda estaría entre nós, abofé. É unha potente arma dentro da munición da loita de clases, e os ideólogos do capitalismo úsana decotío. Cando a Unión Soviética existía, calquera nova sobre os seus logros e innovacións era suprimida sempre que fose posíbel. Cando non o era – como aconteceu, por exemplo, co Spútnik ou os avións soviéticos- botaban man do escarnio e a calumnia.

Cando era estudante lembro como un compañeiro de aula me contou que os estibadores foran á folga para arruinaren a economía e posibilitaren a chegada dos rusos e que estes tomasen o mando. Como teoría da conspiración é difícil de superar.  Mais toda esa desinformación promovida con coidado empezou a chegar ao pouco tempo do comezo da Revolución.

15 de novembro de 2013

A Revolución non será televisada... nin cha traerán Russell Brand, Oliver Stone ou Noam Chomsky




A REVOLUCIÓN NON SERÁ TELEVISADA...
NIN CHA TRAERÁN RUSELL BRAND, OLIVER STONE OU NOAM CHOMSKY

Stephen Gowans
What’s left

Traducido para o galego  por Aqueloutras, o artigo orixinal AQUÍ
Descargar versión en PDF AQUÍ


Non hai moitos anos, cando os manifestantes tomaron as rúas, irrompendo nas reunións da OMC, o G7 e outras organizacións internacionais, o xornal canadense The National Post trazou un retrato adulador e xeneroso desa parte da mocidade que evitaba as rúas como terreo político e optaba polo que o xornal consideraba o camiño responsábel e eloxioso de buscar ser candidato no moderadamente socialdemócrata (aínda que rabiosamente esquerdista, segundo a visión do xornal)  New Democratic Party. Foi este un curioso cambio no The National Post, un xornal fundado polo coñecido dereitista, criminal de luva branca, Lord Conrad Black, que en tempos normais sería tan probábel que gabase alguén relacionado co NDP como que George Bush o fixese con Kim Il Sung. Mais eses non eran tempos normais. En retrospectiva, é doado ver que as protestas, manifestacións e folgas da época se desvanecerían até morreren, como fracasou e morreu o movemento Occupy. A falta dun proxecto organizativo central e dunha visión concreta de onde querían ir, estaban demasiado limitados pola farfallada anarquista como para ir alén de venderen uns cantos exemplares máis da revista Z e de crearen unha frase acertada como a de que o 1% posúe  toda a riqueza a expensas do 99% restante. Mais estaba claro que os editores de The National Post estaban abondo preocupados como para recomendaren un camiño distinto aos que tomaban as rúa para conseguirrn un cambio político. Que recomendasen a vía electoral era predicíbel. A mocidade que gastou as súas enerxías dentro do NPD non tardou en ficar atascada nas inofensivas, inútiles e rutineiras campañas electorais, ademais de permanecer a salvo fóra das rúas.

Os ricos están moi interesados nas políticas electorais cando estas discorren ao seu gusto, o que sucede acotío. As eleccións na sociedade capitalista poden ser dominadas co diñeiro, como sucede con outros procesos políticos máis amplos. Os bancos, as grandes empresas e os principais grupos políticos de presión poñen en marca campañas políticas e subornan os cargos institucionais coa promesa de lucrativos traballos futuros, colocando os seus representantes nos postos chave do Estado. Tamén moldean o ambiente ideolóxico a través do seu control dos medios, a posta en marcha de grupos de expertos [think-tanks], a contratación de empresas de relacións públicas e o financiamento de cátedras universitarias. Os que non posúen riqueza dificilmente poden competir, agás, en principio, poñendo en común os seus recursos coa esperanza de inclinaren a balanza perante un poderoso inimigo que controla infinitamente máis recursos. A ausencia de organización e consciencia de clase, no entanto, continuamente consigue que isto non suceda. Para alén, a rota electoral é previsíbel e controlábel, mantendo á disidencia fóra das rúas, onde si que se podería converter en imprevisíbel e, xa que logo, perigosa. Ademais, a influencia que ás agachadas exercen os grupos corporativos, a banca e os inversores pinta as eleccións como un proceso que non pode ser máis igualitario. Unha persoa, un voto. Que podería ser máis xusto?

Lembreime disto após ler o número do New Statesman editado por Rusell Brand[1], non por facer este ningunha defensa da democracia capitalista, senón por, como The National Post, definir un cambio político lexítimo dentro duns parámetros favorábeis á orde estabelecida. Por suposto, Brand non avoga polo camiño das eleccións como fai The National Post. Ao contrario, pronunciouse contra o voto nunha entrevista conducida por Jeremy Paxman na BBC, e animou unha revolución. New Statesman de Brand foi máis lonxe que The National Post. Cando este xornal afirmou que eses que loitan polo cambio político dentro do sistema son admirábeis, ao contrario que os que o fan fóra, Brand, como editor, falou de revolución (a única maneira, dixo, de que el se interesase pola política). Ora ben, unha revista de grande tirada non ía converterse nunha plataforma para organizar as masas nunha insurrección armada para derrubar a orde estabelecida. «A revolución –comenta Gil Scott-Heron- non será televisada». Tampouco a imos atopar nas páxinas do New Statesman. Como se podía agardar, a idea de Brand resultou ser una definición totalmente nova da idea de revolución, ou, diría mellor, a destrución desta idea, converténdoa en algo vago e inocente que en absoluto pon o dedo na ferida. Todo o contrario aos procesos revolucionarios en que estiveron implicados Lenin, Stalin, Mao e Kim Il Sung. Brand e outras celebridades reuníronse para disertaren sobre o que significa a revolución. Seica a revolución non é a transferencia da propiedade dos medios de produción dun grupo a outro; por exemplo, dos propietarios privados aos traballadores, ou dos colonos aos poboadores orixinais aos que desposuíron ou, inclusive, dos propietarios que residen fóra do país á xente do interior.  En troca, significa moitas cousas, mais ningunha das que podes pensar.[2]

No New Statesman editado por Brand, o cineasta Judd Apatow escribe que a revolución é dicirlle ás autoridades que se fodan... dunha maneira divertida. «A propia comedia é revolucionaria», di, signifique isto o que significar. Deepak Chopra rexeita os procesos políticos colectivos, aos que define como “irrelevantes”, e escribe que confía «na revolución interior», como os sacerdotes e outras figuras relixiosas levan facendo desde hai séculos, asesorando os explotados que miren para dentro e non para fóra, liberando os explotadores das molestias que representa calquera persoa que loita. A comediante Francesca Martínez busca, non unha revolución na posesión dos medios de produción, senón «nas nosas propias ideas». O autor Howard Marks empeza de forma prometedora, escribindo que a le lle gustaría ver unha grande revolución na liña «das ideas marxistas de transferencia do poder das clases reaccionarias ás clases progresistas», mais afúndese decontado no ridículo ao expresar a esperanza de que tal revolución creará inmediatamente unha utopía, onde todos poderemos fumar droga, amarnos os uns aos outros e non loitar. O modelo que a el lle gustaría ver realizado a gran escala é o de «beber viño e bailar nunha sociedade pagá sen linguaxe escrita» como a do Val de Kalash no norte de Paquistán. «Non hai prisións, nin leis, nin policía, nin intereses creados». Tim Street, presidente de UK Uncut Legal Action, di que a «democracia» é a idea máis revolucionaria, e ofrece unha visión da revolución onde a clase dirixente permanece no seu lugar (polo que non sería unha revolución en absoluto), mais o pobo tenta mantela baixo control. Street escribe, «podemos principiar exixindo explicacións ás corporacións que antepoñen os beneficios á xente e contraatacar cando nos intimiden e ameacen. Podemos empezar usando as nosas voces e os nosos corpos para protestar, usarmos a acción directa contra os recortes e a evasión de impostos». Até onde se desviou a idea da revolución, ou foi empurrada, daquela época onde revolución anticapitalista significaba a abolición do sistema de ganancias e non presionar as empresas para que coloquen á xente por riba dos beneficios (un proxecto quixotesco, empezando porque é imposíbel legalmente e pola súa propia esencia que o capitalismo poña a xente por riba dos beneficios. Street fíxase un proxecto ben ambicioso para si mesmo se ten pensado presionar as empresas que priman os beneficios fronte ás persoas (é dicir, todas). Difícil vai telo para estar ao día das últimas entrevistas a Noam Chomsky en YouTube. Evgeny Lebedev, propietario dun periódico, non ofrece nada mellor, aínda que polo menos sabe o que é unha revolución, sinalando a Americana, a Francesa e a Rusa. Mais a súa visión destas revolucións é exactamente a que se podería agardar dun empresario. A Revolución Americana foi, di, «practicamente perfecta». A Revolución Francesa, en parte, é digna de aplauso. Mais a Revolución Bolxevique non tivo nada positivo, agás unha cousa: demostrou «que o método de Marx era incompatíbel coa liberdade e coa dignidade». Lebedev apoia a «evolución» como «a mellor guía para [resolver] os problemas das persoas» (agora que as revolucións burguesas xa triunfaron).[3]

Oliver Stone e Peter Kuznick, autores de The Untold History of the United States [A Historia non contada dos Estados Unidos], retoman a visión anarquista da Nova Esquerda dos anos 60, onde as únicas revolucións boas son as que non tiveron lugar e as malas todas as que si. Esta idea tamén emana da breve participación do anarquista Noam Chomsky onde fala de como se pode levar a cabo a utopía. Stone e Kuznick inspíranse na idea do antigo vicepresidente dos EUA, Henry Wallace, dunha revolución popular a escala mundial que «acabe co militarismo, o imperialismo e a explotación económica, que redistribúa a riqueza en todo o planeta e estenda os froitos da ciencia e da industria».  Estupendo, mais nisto hai dous problemas. Para Stone e Kuznick, quen, por certo, non se escusan por se implicaren nun pensamento utópico (é dicir, irreal), a revolución é a resposta a un problema intelectual: como acabar co militarismo, o imperialismo e a explotación,  aos que consideran moralmente indefendíbeis. O que pasa é que as revolucións non funcionan así. A xente non transforma unha determinada orde económica e política porque non gusten intelectualmente do militarismo ou por considerar a explotación como moralmente indefendíbel. A xente transforma a orde existente cando as condicións de vida non se poden aturar e a revolución é a única saída, algo que é máis probábel que suceda nos países vítimas do militarismo e do imperialismo que naqueles de onde son os autores e nos que vive a audiencia á que seguramente se dirixen os comentarios de Stone e Kuznick. En segundo lugar, o dúo parece querer chegar á utopía sen violencia, conflito, xerarquía ou poder político, quere dicir, un camiño utópico cara á utopía, onde a utopía ten primeiro que existir antes de se poder realizar. «Nós -escriben- vimos demasiadas veces o uso dunha violencia que desata emocións e forzas que xeran máis violencia e novas formas de tiranía e opresión.»[4]

O desexo da Nova Esquerda era cruzar o océano sen aturar o ruxido do tifón que representaban as críticas a este movemento, as críticas a eses que «combinan o luxo de estaren sempre en posesión da verdade sen teren a obriga practicamente nunca de seren responsábeis de nada». E, de facto, a Nova Esquerda, e os seus sucesores, lograron escapar da súa responsabilidade de endexamais ter éxito en ningún dos seus proxectos. Arnold Kettle comentaba en 1960 que «o que a Nova Esquerda non parece capaz de entender é que (nos países que realmente teñen revolucións) debe haber non só principios senón tamén estratexia, diplomacia, política de defensa... e todas as responsabilidades e consecuentes impurezas... A política do poder é sempre retratada polos escritores da Nova Esquerda nun sentido despectivo, como se existise algunha outra forma de política». Polo mesmo rego camiñaba esa visión da Nova Esquerda de que a revolución era lograr «unha realidade alén da loita de clase, unha sociedade nin capitalista nin socialista, senón simplemente agradábel».[5] De facto, Stone e Kuznick expresan a súa visión en termos dunha mundo feliz de «creatividade, bondade e xenerosidade» onde «a avaricia e a ansia de poder» non teñen lugar, no canto dun mundo onde haxa traballo, educación e sanidade para todos, transporte público económico, vivendas de protección oficial, servizos accesíbeis de gardaría, igualdade de raza e xénero e emprego dos excedentes sociais en elevar o nivel de vida de todos. Se o que queres é un bonito mundo de bondade e caridade, en que a cobiza e ambición non teñan lugar, hai un feixe de relixións para se faceren cargo diso. Mais iso non é a revolución.

Stone e Kuznick manifestan un enorme desprezo para con «Stalin, Mao e os Kim», representados como famentos de poder que profanaron «o nobre concepto da revolución», tomando o poder só para se engrandeceren. Que vaian á merda, escriben. Algún día alguén terá que escribir A Historia non contada das Revolucións do século XX para limpar o lixo que Stone e Kuznick botaron sobre os revolucionarios que venceron. Por agora chega con dicir que o título do libro desta parella debería modificarse polo de A Historia non contada dos Estados Unidos por dous esquerdistas confundidos que aínda non dixeriron a Historia non contada de Rusia, China e Corea.  

Para axudar a Stone e Kuznick, de seguido expoño uns breves apuntes históricos para encher as lagoas dos seus coñecementos.

Kim

Kim Il Sung foi un eficaz líder guerrilleiro que fixo unha enorme contribución á liberación de Corea do poder colonial xaponés e tamén a loita contra os colaboracionistas de Xapón que se afianzaron no sur e que aínda ten ecos na situación de hoxe en día. A actual presidenta de Corea do Sur, Park Geun-hye, é filla de Park Chung-hee, ditador militar que serviu no exercito imperial xaponés, combatendo a Kim e a súa guerrilla. Sexa o que for o que se diga sobre a sucesión dinástica dos Kim, estes remontan a súa liñaxe ao liderado da guerrilla anticolonial que conquistou a independencia do Estado, libre da dominación das potencias estranxeiras. O sur, en troca, é unha neocolonia dos Estados Unidos, onde as forzas armadas están baixo o mando do Pentágono e onde os descendentes anticomunistas dos colaboracionistas con Xapón  teñen o poder. Se Kim, seguindo as ideas de Deepak Chopra, considerase a política como “irrelevante” e puxese a súa confianza na “revolución interior”, atoparía a loanza de Oliver Stone e Peter Kuznick. «Tremendo... os Kim». No entanto, o prezo de que Kim gañase o respecto dos cineastas da Nova Esquerda posibelmente sería que Corea aínda fose unha colonia de Xapón ou, máis probábel, unha neocolonia dos Estados Unidos desde o extremo norte até o sur...

Mao

Antes da revolución liderada por Mao na China, entre o 55 e o 65% da terra era propiedade do 10% da poboación, a maioría terratenentes parasitos quen explotaban o traballo do campesiñado grazas a se aseguraren a propiedade da terra a través da lei e a forza. Centos de millóns a duras penas sobrevivían sen nada en pequenas leiras, sempre coa ameaza da fame. O país tiña menos potencial industrial que Bélxica. Dominados durante moito tempo por poderes estranxeiros, os chineses vivían no seu propio país como seres infrahumanos: «Todo alimentaba revolución. Só a través desta podía o campesiñado chinés conseguir terra, liberarse do control dos terratenentes... Sen revolución, China permanecería so as gadoupas do imperialismo, unha semicolonia dominada e explotada polos Estados Unidos».[6] Domenico Losurdo apunta que «é un feito abondo coñecido que Mao Tse Tung declarou na fundación da República Popular de China que a nación chinesa se puxera en pé e ninguén ía pisala nunca máis. Quizais estaba a pensar na época en que un letreiro á entrada do consulado francés en Xangai prohibía a entrada a chineses e cans». Pregúntase Losurdo: «Podemos falar de fracaso se pensamos na situación deste grande país asiático?»[7] Sen dúbida, a Revolución Chinesa está moi afastada da visión de Stone e Kuznick dun mundo libre de militarismo, imperialismo e explotación, e onde a creatividade, bondade e xenerosidade substituíra a cobiza e a ansia de poder, mais si que mellorou a vida de centos de millóns. Como privilexiado fillo dun corredor de bolsa que viviu a súa vida nun país que domina outros, Stone pode considerar a revolución de Maio como a profanación do nobre concepto da revolución, mais encontraría poucos chineses que lle deran a razón.

Stalin

Stalin fixo grandes contribucións ao socialismo, á descolonización e, indirectamente, á aparición dun estado de benestar no Occidente. Xogou un papel dirixente na posta en marcha da primeira economía planificada sustentada na propiedade pública, libre do desemprego, a inseguridade e as inxustizas do pasado. Estivo á fronte do proxecto para sacar Rusia do atraso, algo que se conseguiu espectacularmente en pouco tempo. As súas contribución á derrota do fascismo non tiveron precedentes, por riba de calquera outra persoa. Baixo o seu liderado, as monarquías e as ditaduras militares do leste europeo foron derrocadas e, non, as sociedades socialistas que as substituíron non eran novas formas de opresión. As súas economías medraron con rapidez e os niveis de vida chegaron a máximos históricos, mentres que a inseguridade, as inxustizas, as desigualdades e a explotación do pasado foron eliminadas. O movemento de liberación nacional non tivo mellor amigo que a Unión Soviética de Stalin. Ao crear unha alternativa con éxito ao capitalismo, Stalin forzou os gobernos occidentais a poñer en marcha enormes programas de beneficios sociais para manteren a lealdade das súas poboacións. E a política de igualdade racial da Unión Soviética avergonzou os Estados Unidos a respecto da súa política cos cidadáns negros.

Paga a pena pensar na Unión Soviética de 1936. A democracia soviética, baseada na Constitución en cuxa redacción Stalin xogou un papel chave, estaba desenvolvéndose. A Constitución estabelecía a creación dun sistema de representantes electos. Stalin foi elixido como representante dun distrito electoral de Moscova para o Soviet Supremo da URSS. Esta asemblea elixiuno como un dos 30 membros do Presídium, que á súa vez elixiu un Consello de Comisarios. Non se chamou ditador, nin existía un posto de ditador que ocupar.

Occidente burlouse e ridiculizou a democracia soviética. Mais imos comparar esta democracia de 1936 coa democracia occidental. Nesa época, Inglaterra tiña una Cámara de Lores non electos (aínda a ten), mentres Canada tamén tiña, e continúa a tela, un Senado de non electos. Dos 500 millóns de habitantes do Imperio Británico, só 70 millóns, a sétima parte, vivía en democracias políticas. África do Sur prohibía o sufraxio á poboación negra. En Canada e Australia, os aborixes tampouco podían votar. A India non tiña en absoluto democracia política, e estaba gobernada por funcionarios británicos. Os Estados Unidos negaban os dereitos civís aos negros, que vivían nunha situación de opresión.[8] En troca, na URSS o sufraxio era universal e a tiranía era ridícula en comparación co que pasaba no Occidente, a pesar do que Stone e Kuznick nos queiran facer crer.

Canto á constante acusación de que Stalin matou millóns, podemos descartala por ser unha lenda sen base científica, lenda que todo o mundo coida certa porque alguén (non lembran quen) lles dixo que así era, mais que non poden achegar ningún detalle sobre quen, como, cando e por que. Villiam Blum escribe:

«Todos escoitamos as cifras moitas veces... 10 millóns..., 20 millóns..., 40 millóns..., 60 millóns... morreron baixo Stalin. Mais, que significan esas cifras, calquera que un elixa? Por suposto que moitas persoas morreron baixo Stalin, tamén moitas morreron baixo Roosevelt... A morte parece ser un fenómeno natural en moitos países. A pregunta é como morreron esas persoas baixo Stalin. Morreron nas fames que asolaron URSS nas décadas dos 20 e 30? Os bolxeviques crearon a mantenta esas fames? Como? Por que? Realmente morreu máis xente de fame na India no século XX que na Unión Soviética, mais ninguén acusa India de matar en masa aos seus propios cidadáns. Morreron millóns por mor dunha doenza nunha época anterior á aparición dos antibióticos? No cárcere? Por que causas? As persoas morren habitualmente nas prisións dos Estados Unidos. Foron asasinados a SANGUE FRÍO? De ser así, como? Canta xente foi executada por delitos non políticos? A casuística da morte de decenas de millóns de persoas é enorme.»[9]

De facto, as cifras son proxeccións derivadas da comparación da poboación soviética con Stalin coas estimacións que calquera autor fai da posíbel poboación nesa época sen a existencia de Stalin. A diferenza entre as dúas cifras é a poboación perdida ou ,para estes autores, a xente que Stalin “asasinou”. Obviamente este método dá pé a todo tipo de abusos e, atribuíndo as mortes adicionais a asasinatos masivos, non ten outra intención que enganar a xente facéndolle crer que Stalin ordenou o asasinato a sangue frío de decenas de millóns. Con isto non se quere dicir que Stalin non ordenase execucións, e moitas. Fíxoo. Mais nunhas circunstancias excepcionais, cando a revolución estaba ameazada externa e internamente –algo que pasou durante toda a época de Stalin-, eran tan necesarias como acabar cos soldados do exército inimigo. Era a guerra. Se non se levaban a cabo accións propias dun contexto de guerra, a revolución fracasaría. En todas partes os quintacolumnistas facilitaron a invasión nazi, agás na Unión Soviética, onde non había. Stalin acabara con eles. Foi capaz de lograr esta fazaña única no mundo aceptando unha alta taxa de falsos positivos como custe por extirpar a enfermidade, capturando tamén persoas inocentes ou inofensivas entre as perigosas e culpábeis. Mais cando non está claro se o tecido está enfermo ou san, o cirurxián que salva os pacientes extirpa tanto o tecido claramente enfermo como aquel sospeitoso que o arrodea (posibelmente san). A cuestión é: ordenou Stalin execucións para satisfacer o seu desexo persoal de poder ou, en troca, para protexer o legado revolucionario de Lenin? Os inimigos políticos de Stalin sempre defenderon a primeira opción. E a CIA asegurouse de que estes últimos sempre tiveran unha plataforma desde onde espallar alta e clara a súa mensaxe.

Cando Stalin chega ao poder, a Unión Soviética estaba nunha situación precaria; agricultura afundida, industria atrasada, debilidade militar... É máis, un feroz e inacabábel debate dentro do Partido Comunista sobre o camiño a seguir provocara parálise, loitas internas e intrigas. O país atascábase a toda velocidade. Tres décadas despois, Stalin estaba morto. Mais neses trinta anos, con Stalin á cabeza, o país avanzara desde o arado de madeira á batería atómica.

Cando Stalin morre en 1953, a Unión Soviética era a segunda potencia industrial, científica e militar no mundo e mostraba claros signos de que superaría os Estados Unidos en todas esas áreas. E todo isto malia as devastadores perdas sufridas ao derrotar as potencias fascistas de Alemaña, Romanía, Hungría e Bulgaria. Os distintos pobos da URSS uníronse. A fame e o analfabetismo non se coñecían en todo o país. A agricultura, totalmente colectivizada, era extremadamente produtiva. O sistema de saúde preventiva era o mellor do mundo e a asistencia sanitaria, dunha enorme calidade, era gratuíta para todos os cidadáns. A educación era gratuíta en todos os seus niveis. Publicáronse máis libros na URSS que en calquera outro país. Non existía o desemprego.

Mentres tanto, no resto do mundo, non só foran derrotadas as principais potencias fascistas actuantes entre 1922 e 1945, senón que as forzas revolucionarias aumentaran en todas partes. O Partido Comunista da China conduciu a unha cuarta parte da poboación mundial á vitoria sobre o imperialismo, o feudalismo e o capitalismo nacional. A metade de Corea era socialista... No Vietnam, un robusto poder socialista, que xa derrotara o imperialismo xaponés, estaba dando os golpes finais ao derrotado exército do imperio francés. As monarquías e ditaduras fascistas do leste de Europa foran destruídas por unha combinación de forzas partisanas, lideradas polos comunistas locais e o Exército Vermello... Tanto na Franza como en Italia, o partido máis grande era o comunista. Os movementos de liberación nacional das colonias e neocoloniais europeas estaban en claro avanzo... África enteira estaba en movemento.»[10]

Son estes os logros dunha revolución “fracasada”? Domenico Losurdo demanda aos críticos como Stone e Kuznick que:

... expliquen como un “fracaso”... puido facer semellante contribución á emancipación dos pobos coloniais e, no Occidente, á destrución dos vellos réximes e a nacemento do estado de benestar. Cando en 1923, Lenin, gravemente enfermo, se viu obrigado a soltar as rendas do poder, no Estado que nacera da Revolución de Outubro, mutilado polo tratado de paz de Brest-Litovsk, a vida era precaria e miserenta. En 1953, á morte de Stalin, a Unión Soviética e o campo socialista gozaban dun enorme crecemento, prestixio e poder. Uns poucos máis destes (“profanadores do nobre concepto da revolución”) e a situación do sistema capitalista e imperialista mundial converteríase verdadeiramente en precaria e insostíbel![11]  

Contrariamente ás mentiras de Stone e Kuznick, Stalin fixo máis por achegar o mundo a esa visión que eles teñen de ausencia de militarismo, imperialismo e explotación que calquera outro. Porén, os dous estadounidenses din «Vai á merda, Stalin». En troca, non din «Vai á merda, Castro». Por que non? A Revolución Cubana foi encabezada por unha guerrilla, como a de Mao e Kim, asistida pola Unión Soviética, como a de Mao e Kim, e o socialismo cubano baséase en grande medida no modelo “stalinista”. No entanto, Stone, cuxos tres documentais sobre o revolucionario cubano amosan debilidade por Castro, non acusa o líder da Revolución Cubana de profanar o concepto de revolución co desexo de poder, o engrandecemento persoal, a represión e a man dura.

As incongruencias non rematan aquí. Stone seica ten tamén debilidade por Barack Obama, a quen, segundo el mesmo, votou en 2008 e 2012.[12] Berrar «Á merda con Stalin, Mao e os Kim» ao tempo que se vota por Obama fai que Michael Parenti critique a hipocrisía da esquerda anticomunista que sente repulsión polos «crimes do comunismo» mentres facilita os crimes dos presidentes demócratas votando por eles.

Explícao Parenti:

Baixo as distintas administracións demócratas, 120.000 xaponeses americanos foron arrincados dos seus fogares, perdendo os seus medios de subsistencia, e arroxados aos campos de detención; lanzáronse bombas atómicas en Hiroshima e Nagasaki cunha brutal perda de vidas de inocentes; autorizóuselle ao FBI infiltrarse nas organizacións políticas; a Lei Smith foi utilizada para encarcerar os líderes do trotskista Partido Obreiro Socialista e, máis tarde, aos do Partido Comunista polas súas ideas políticas; creáronse campos de detención para encarcerar os disidentes políticos en caso de “emerxencia nacional”; durante a década dos 40 e os 50, 8.000 traballadores públicos, nunha enorme caza de bruxas, foron purgados da administración por mor das súa militancia e ideoloxía, e moitos milleiros máis viron as súas carreiras profesionais truncadas; as Leis de Neutralidade usáronse para favoreceren as tropas fascistas de Franco a impoñeren un embargo á República; puxéronse en marcha en varios países do Terceiro Mundo criminais programas de contrainsurxencia; e continuaron e intensificaron a Guerra de Vietnam. E durante a maior parte do século XX, os líderes do Partido Demócrata defenderon a segregación racial e bloquearon todas as medidas contra os linchamentos e as encamiñadas a garantiren unha lexislación laboral xusta. Malia todos estes crimes, que provocaron a morte e a ruína para moitos, os liberais, socialdemócratas e “socialistas democráticos” anticomunistas nunca se viron motivados para faceren unha condena global nin do Partido Demócrata nin do sistema político que provocou todo isto...»[13]

Stone e Kuznick pode que deploren estes crimes do Partido Demócrata, mais é improbábel que algunha vez digan: «Á merda cos Demócratas». É máis probábel que digan: «Vota Demócratas». Así que esquezámonos do seu «Á merda con Stalin, Mao e os Kim». De Stone estar realmente interesado en acabar co militarismo, o imperialismo e a explotación, por que non nos di: «Á merda con Obama», un importante promotor das cousas que Stone di odiar, no canto de atacar figuras históricas que realmente combateron contra o imperialismo e a explotación... e venceron?

Realmente, a visión de Stone e Kuznick éche máis ben parva. Coidan que Mao e Kim decidiron converterse en guerrilleiros, e Stalin en bolxevique, como vías de acceso ao poder, ao engrandecemento persoal e ao control con man de ferro. Porén, nesa época, a de guerrilleiro e revolucionario clandestino non eran as carreiras máis prometedores para a persoa cobizosa de poder e engrandecemento. De Stalin realmente ter eses desexos, por que non unirse aos tsaristas no canto de aos bolxeviques, que até mediados de 1917 eran unha forza política cativa que ninguén pensaba (inclusive moitos bolxeviques) que ía tomar o poder? Aqueles chineses e coreanos que ingresaban na guerrilla estaban máis próximos da morte, a tortura ou o cárcere que a rubiren os chanzos da burocracia administrativa do Estado. Entraron na guerrilla porque non soportaban a opresión feudal e imperialista e querían  acabar con elas. Un xeorxiano como Stalin converteuse en bolxevique porque odiaba a opresión tsarista e quería substituíla. Stalin viviu moitos anos na clandestinidade, tentando manterse un paso por diante da policía tsarista e padecendo longos períodos de exilio interno. Como líder da Unión Soviética levou unha vida modesta, case espartana. Non era un Tsar Roxo, a vivir no luxo, como Stone e Kuznick nos queren facer crer. Stalin, Mao e Kim entenderon  que acabar coa opresión implica tomar o poder político, o que, á súa vez, significa disciplina e unha organización cunha estratexia definida (unha organización así implica a existencia de dirixentes e xerarquía). É unha confusión anarquista pensar que a busca do poder está inspirada na consecución do poder en si propio. Como subliña Richard Levins, inclusive George W. Bush endexamais promovería unha sanidade universal e gratuíta, apoiar Venezuela ou renunciar a Xesús Cristo só por conservar o poder. Detrás de «toda fachada de fame de poder está agochado unha persoa de principios, aínda que (como no caso de Bush), estes principios poidan ser nocivos».[14] Os revolucionarios buscan o poder para engrandeceren a posición da clase á que representan. As persoas en posicións de liderado poden estar en situación de exerceren o poder, mais isto non significa que busquen o poder como fin en si propio. Búscano como un instrumento para acadaren os obxectivos ligadas ás aspiracións da clase ou pobo que representan. O cinismo de Stone e Kuznick enlama a disciplina e as formas de organización necesarias para a revolución. O seu punto de vista, e o dos anarquistas en xeral, é que as organizacións disciplinadas e xerarquizadas son vehículos de tiranía e opresión que, inevitabelmente, serán empregados polos tiranos en xestación para se catapultaren ao poder, polo que van subverter as fermosas metas da Revolución para se engrandeceren a si propios e exerceren o control absoluto. Seica Kim subverteu o obxectivo de lograr a independencia de Corea? Non acabou Mao con séculos de opresión feudal? Fracasou Stalin nos obxectivos de acabar co desemprego, a falta de vivenda, a opresión nacional e a desigualdade racial? A opinión de que os líderes das revolucións vitoriosas traizoaron os obxectivos da Revolución non só é unha pésima historia, tamén é unha pésima política. Anímase á xente a que busque cambios políticos para evitar calquera tipo de política “leninista”, a prol de aglomeracións “sen líderes” e cunha práctica descentralizada de toma de decisións para conseguir, finalmente, moi pouquiña cousa.

Noam Chomsky constitúe unha fonte inesgotábel de insultos contra o leninismo, que el equipara a “contrarrevolución”.[15] Representa un punto de vista heterodoxo do que é a revolución, aínda que, realmente, congruente co que Rusell Brand describe no seu New Statesman. Un punto de vista que fai da revolución outra cousa do que ti sempre pensaches que era, e iso que pensaches que era seica é algo malo que debe ser evitado por completo. Supoño que non é unha sorpresa que Chomsky responde á pregunta «Que significa a revolución para ti?», cun ataque a Lenin, o líder dunha revolución que tivo éxito, e unha loanza a Rosa Luxemburgo, cabeza dun intento de revolución socialista que fracasou. Chomsky escribe:

Non podo mellorar a elocuente crítica de Rosa Luxemburgo á doutrina leninista: “unha verdadeira revolución social exixe unha transformación espiritual das masas degradadas por séculos de dominio da clase burguesa... Só coa extirpación desde a raíz dos hábitos de obediencia e servilismo pode a clase obreira adquirir o coñecemento dunha nova forma de disciplina, autodisciplina que xorde do libre consentimento”. E como parte desta “transformación espiritual”, unha verdadeira revolución social ademais creará –pola actividade espontánea das masas- as formas sociais que permitirán ás persoas actuar como individuos creativos libres, con vínculos sociais a substituíren as cadeas sociais, e controlaren o seu propio destino en liberdade e solidariedade.»[16]

A.J. Ryder, historiador da Revolución Alemá, fala así sobre a incapacidade de levar a cabo unha revolución socialista na Alemaña de 1918-1919 e o papel desenvolvido por Luxemburgo nisto:

Os espartaquistas (Karl) Liebknecht e Rosa Luxemburgo... eran revolucionarios conscientes en obra e palabra. Estaban decididos a utilizar a oportunidade que representaba o colapso do réxime de Hozenzollem para pór en marcha a revolución socialista que crían os levaría ao poder no lugar de Ebert, como Lenin desprazara a Kerensky... Poucos (dos líderes) posuían as capacidades dun líder revolucionario vitorioso. Por consentimento popular, Rosa Luxemburgo era a máis destacada personalidade da esquerda, mais as súas dotes intelectuais e o seu fanatismo persoal non estaban parellas á súa comprensión da realidade. No fondo era unha romántica, unha visionaria que actuaba co traxe do “socialismo científico”».[17] 

Ryder resume o fracaso da revolución facendo referencia aos defectos das principais figuras. «Eran afeccionados comparados con Lenin».[18] Luxemburgo, a romántica, puña a énfase na espontaneidade e na “transformación espiritual”. Lenin, o realista práctico, na planificación e na organización. Luxemburgo foi asasinada por dous sicarios protofascistas. O seu corpo ensanguentado guindado nunha canle, como a revolución que quixo facer triunfar, masacrado e derrotado. Lenin tomou o poder e puxo en marcha un proxecto socialista e antiimperialista que durou máis de sete décadas, e que xogou un papel chave no exterminio dese fascismo que, na súa fase embrionaria, asasinou a Luxemburgo.

Chomsky respecta profundamente aqueles que fracasaron na revolución e desprezo aos que tiveron éxito. De seguirmos o seu exemplo, emular os fallos e evitar os éxitos, de seguro chegaríamos ao mesmo lugar onde The National Post quería ver os activistas políticos: nunha rúa sen saída política. A edición de Brand de The New Statesman camiña polo mesmo rego. Os seus aplausos están reservados ás accións políticas que respectan a orde social estabelecida: A “revolución interior” de Chopra; as comedias de Apatow; a evolución de Lebedev; o novo pensamento de Martínez; a “democracia” de Tim Street. Os seus apupos fican para os revolucionarios que realmente propiciaron «as transformacións revolucionarias da clase máis intensa e profunda». Clase que Stone e Kuznick din que queren. Por tanto, a mensaxe é nidia. Crea un colectivo, traballa na xenerosidade e na bondade, demanda que as empresas privilexien as persoas fronte aos beneficios, ve unha película dos irmáns Marx* e dilles a Lenin, Stalin, Mao e Kim que vaian á merda.

* Vin todas as películas dos Marx, moitas delas varias veces, mais aínda teñen que facer unha revolución.


[1] New Statesman, 24 de outubro de 2013.
[2] “What Does Revolution Mean to You? New Statesman, 30 de outubro de 2013. http://www.newstatesman.com/2013/10/what-does-revolution-mean-you 
[3] Ibid.
[4] Ibid.
[5] Arnold Kettle, “How new is the ‘NewLeft’”, Marxism Today, outubro de 1960. http://www.unz.org/Pub/MarxismToday-1960oct-00302
[6] Edward e Regula Boorstein. Counterrevolutionl: U.S. Foreign Policy. International Publishers. 1990. Páx. 73.
[7] Domenico Losurdo, “History of the Communist Movement: Failure, Betrayal, or Learning Process?”, Nature, Society, and Thought, Vol. 16, nº. 1 (2003).
[8] Sydney e Beatrice Webb. The Truth about Soviet Russia. Nabu Public Domain Reprints. Páxs. 21-22.
[9] William Blum. Freeing the World to Death: Essays on the American Empire. Common Courage Press. 2005. Páx. 194.
[10] Bruce Franklin, “An Introduction to Stalin,” fragmento de Bruce Franklin (Ed.). The Essential Stalin: Major Theoretical Writings, 1905-52 (Anchor Books, 1972). http://anti-imperialism.com/2012/11/02/an-introduction-to-stalin/
[11] Losurdo.
[12] Solvej Schou, “Oliver Stone on Obama: ‘I hope he wins’”, Entertainment Weekly, 6 de novembro de 2012.
[13] Michael Parenti. Blackshirts & Reds: Rational Fascism & the Overthrow of Communism. City Light Books. 1997. Páxs. 48-49.
[14] Richard Levins, “How to Visit a Socialist Country”, Monthly Review, 2010, Volume 61.
[15] Parenti. Páxs. 46-47.
[16] “What Does Revolution Mean to You?”
[17] A.J. Ryder. The German Revolution of 1918: A Study of German Socialism in War and Revolt. Cambridge University Press. 2008. Páx. 7.
[18] Ibid.

1 de agosto de 2013

Así falaba a burguesía en 1917






«A Revolución Rusa é un perigoso exemplo de compartir a riqueza para a xente común doutras nacións, incluídos os estadounidenses, dándolles azos para conseguiren por medios políticos o que só se pode acadar mediante o traballo duro e a dilixencia.»

Rober Lansing, Secretario de Estado dos Estados Unidos entre 1915 e 1920. En David Horowitz, Containment and Revolution.

23 de junho de 2013

Texto das conferencias de Grover Furr



Texto, traducido para o galego por Aqueloutras, das palestras impartidas polo historiador Grover Furr durante a súa estancia na Galiza en maio deste ano.
 - - -

Boa noite. Quero agradecer aos camaradas de Compostela, Ferrol e Vigo o seu convite para dar estas palestras. A razón das mesmas é a publicación da edición galega do meu libro As Mentiras de Khrushchev.

Tanto na Rusia como no Occidente, Khrushchev é oficialmente un “heroe”. O seu Discurso Secreto, polo drástico cambio que provocou na Unión Soviética, e por tanto na Rusia, é materia de estudo entre o alumnado ruso.

Malia implicar tamén un cambio na historia do mundo, fóra da Rusia son moi poucos os que coñecen hoxe este discurso, tan cheo de personaxes e eventos dos que nunca escoitaron falar. Polo que tamén vou comentar brevemente outros temas da historia soviética moito máis coñecidos que os mencionados por Khrushchev no seu discurso.

Que podo aportar eu? Investigación e probas. Son moi poucas as persoas que desde a esquerda están facendo este traballo. Aqueles que están investigando o período da Unión Soviética baixo Stalin, que poden ler ruso con fluidez, que teñen capacidade para investigar, que contan coas necesarias relacións institucionais para acceder a servizos esenciais bibliotecarios, como préstamos de libros e informes entre bibliotecas, e os que teñen o interese e a motivación para facer este traballo son, polo xeral, anticomunistas.

As poucas persoas que teñen acceso a estes servizos sitúanse, na súa maior parte, dentro da visión oficial da historia soviética e rusa. E para pertencer a ese campo, o anticomunismo é unha característica obrigada. Nos poucos casos que non son así, a persoa ten de evitar escribir calquera cousa que poida enfurecer ou contradicir os postulados anticomunistas.

Permítanme dicilo doutro xeito: Se vostede pertencera ao mundo académico e ensinara historia soviética nun Departamento universitario, non podería levar a cabo as investigacións que eu fago. De o facer, sería vetado nas revistas científicas e nas principais editoriais académicas, e pronto sería despedido.

Por esta razón, a miña posición é case única. Ensino nun Departamento de Inglés. A miña vida académica non depende en absoluto das miñas investigacións sobre a historia soviética.

Por tanto, isto é o que teño que ofrecer. E moita xente de todo o mundo coida que é importante. Non só a xente de esquerdas, coma vostedes. Tamén os anticomunistas pensan que é importante. E iso non lles gusta.

Son moitos os interesados en que a verdade sobre a historia do movemento comunista na Unión Soviética, sobre todo durante os anos de Stalin, non vexa a luz. Queren seguir debuxando Stalin como un demo equiparábel a Hitler ou aos fascistas daquela época, botando man de todo tipo de falsificacións e mentiras. E fano non só dunha maneira pasiva a través do seu “punto de vista”, senón activamente, falsificando deliberadamente as probas, as fontes e a historia.

Rectificar todas estas falsificacións é o que eu podo ofrecer. E é do que quero falar con vostedes.

* * *

Déixenme dicir unhas palabras sobre as “probas”. Os “feitos” non poden separarse da “investigación” e das “probas”. A través da investigación e das probas estabelecemos o que é un “feito” e o que non é. Non existe outra maneira.

Khrushchev foi capaz de manter as súas mentiras durante máis de 50 anos grazas á prohibición da investigación e o agochamento das probas que desmentían as súas palabras. E esta actitude de Khrushchev foi que permitiu que todos os anticomunistas da Guerra Fría puideran falsificar a historia, quer na Unión Soviética (como Roy Medvedev), quer no Occidente (como Robert Conquest). Estas falsificacións iniciadas por Khrushchev son hoxe a “versión oficial” da historia soviética.

Direi unhas palabras verbo da obxectividade. Un pode aprender a ser obxectivo, formándose na articulación das súas ideas e poñendo en dúbida as súas ideas preconcibidas e prexuízos. Por tanto, a obxectividade adquírese coa práctica, como a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Un pode logralo a través da práctica, mediante un esforzo consciente. Isto é o que un debe facer se busca a verdade. E nós, os marxistas, queremos saber a verdade!

Marx e Engels escribiron que «os proletarios non teñen nada que perder agás as súas propias cadeas». Non pode haber ningunha razón para nos negarmos a facer un exame crítico. Queremos desbotar toda ilusión ou falsidade. Só «a verdade nos fará libres» se “nós” somo a clase obreira internacional.

O lema favorito de Marx foi De omnibus dubitandum (Cuestiónao todo). E iso é o que vostede debe face se quere saber a verdade. E debe cuestionar as súas propias ideas preconcibidas.

Á fin e ao cabo, é o que fan todos os detectives burgueses en todas as novelas policiais. Como adoitaba dicir Sherlock Holmes: Manteña a súa mente libre de conclusións prematuras.

Infórmese antes de elaborar a súa hipótese. Estea preparado para abandonar unha hipótese que non explique os feitos contrastados. De non o facer, de non tentar descubrir a verdade desde o principio, vostede non tropezará coa verdade por accidente, non poderá descubrir a verdade.

E isto é o que me esforzo en facer. Ningún dos que debuxan Stalin como un monstro e a Unión Soviética como o imperio dos oprimidos, todos eses anticomunistas “expertos” na historia do movemento comunista, tentaron nunca seren obxectivos. Non descobren a verdade porque non queren facelo. Prefiren inventaren unha falsa historia do movemento comunista, escribir «propaganda con notas ao rodapé». E iso é o que son as súas obras, propaganda.

* * *

O Discurso de Khrushchev

O Discurso Secreto de Khrushchev coñécese como a revelación máis importante do século XX. Provocou un cambio fundamental no camiño da Unión Soviética e, de facto, no da historia mundial. É significativo que precisamente este discurso se convertera nun dos piares da concepción política do “anti-stalinismo”. E ninguén interesado na historia da Unión Soviética pode ignorar un documento de semellante importancia.

Cando aínda estaba elaborando un esbozo deste traballo o meu obxectivo era modesto. Quería identificar as “revelacións” do Discurso coas fontes históricas dispoñíbeis grazas á desclasificación dalgúns documentos dos antigos arquivos soviéticos. Nos últimos 10 e 15 anos puxéronse a disposición dos historiadores un grande número de novas fontes que fan posíbel unha avaliación obxectiva das declaracións de Khrushchev.

O resultado foi que, de todas as “revelacións”, ningunha delas resultou ser verídica. Nin unha soa!

Algunhas das falsidades de Khrushchev, por suposto, eran coñecidas con anterioridade, como por exemplo a absurda afirmación de que Stalin «planeou operacións militares sobre un globo terráqueo». Mais o realmente sorprendente foi que todo o Discurso está composto por “revelacións” desta clase.

A respecto de Stalin

Non estou a “defender” a Stalin nin a ninguén. Como investigador e estudoso, ocúpome dos feitos e as probas. Concordo co historiador ruso Iuri Zhukov cando escribe:

Podo dicir honestamente que me opoño á rehabilitación de Stalin, porque me opoño á rehabilitacións en xeral. Nada nin ninguén na historia debe ser rehabilitado, senón que hai que descubrir a verdade e dicila.

Tampouco é a miña intención suxerir que só con que Stalin conseguise os seus obxectivos, solucionaría isto os múltiples problemas da construción do socialismo e do comunismo na Unión Soviética.

O tema da miña investigación é o Discurso Secreto de Khrushchev, en que presuntamente “descubriu” moitos crimes de Stalin e Beria. Illei 61 “revelacións” ou afirmacións acusatorias. Investigou todas elas á luz das fontes históricas. E resultado final foi que nin unha das “revelacións” do Discurso Secreto resultou ser certa.

As consecuencias son moitas. O redescubrimento da historia soviética vai alén da crítica do Discurso Secreto de Khrushchev. As ideas sobre o período de Stalin, non só as “comúns”, senón tamén as elaboradas por expertos, son fundamentalmente falsas. Cómpre escribir de novo toda a historia soviética.

Algúns exemplos:

  • A colectivización. Resolveu o problema eterno das malas colleitas e das fames recorrentes. Até 1932-1933 houbo un andazo de fame cada dous ou tres anos na Rusia e na Ucraína. Grazas á colectivización, a fame de 1932-1933 foi a derradeira (coa excepción da fame de 1946-1947, causada pola enorme destrución da guerra e polas pésimas condicións climatolóxicas).
A colectivización tamén salvou Europa do nazismo. Sen ela, a rápida industrialización e o enorme desenvolvemento do moderno Exército Vermello serían imposíbeis. Os nazis terían conquistado a Unión Soviética, cos seus inmensos recursos naturais e humanos, para volverse contra os aliados.

  • Dedicou moito tempo ao estudo das conspiracións da oposición durante os anos trinta. O meu colega moscovita Vladimir Bobrov e eu publicamos unha serie de artigos sobre o tema. Quedan moitos por chegaren. As conspiracións alegados nos Procesos de Moscova existían. Os acusados nestes xuízos eran culpábeis de, cando menos, o que confesaron. Nalgúns casos, como o de Bukharin, sabemos que eran culpábeis de máis cousas das que confesaron.

  • O chamado “Gran Terror” foi provocado deliberadamente por Nikolai Ezhov, xefe do Comisariado do Pobo para Asuntos Internos (NKVD), que matou centos de milleiros de cidadáns soviéticos nun intento por sementar o descontento co Goberno soviético e axudar a abrir as portas á invasión alemá e/ou xaponesa.

  • As conspiracións militares existían. Hoxe contamos con numerosas probas.

* * *

A historiografía soviética continúa a ser principalmente propaganda

A historiografía da Unión Soviética estivo dominada pola propaganda desde o principio. Mais intensificouse enormemente durante a Guerra Fría, despois da Segunda Guerra Mundial.

As forzas políticas que promoveron, primeiro, un maior papel do mercado na sociedade soviética, e, despois, o retorno do capitalismo na Unión Soviética, son as mesmas que atacan a Stalin e destrúen as súas contribucións ao pobo soviético. Son as que propagan esta versión da historia, dominante hoxe tanto na Rusia como noutros países.

Durante a última década dediquei moito tempo, e moitos cartos, á adquisición e estudo dos documentos dos antigos arquivos soviéticos que se publicaron após a queda da Unión Soviética en 1991. Centrei o meu estudo nos documentos que se ocupan no período de Stalin e, dentro deste período, principalmente naqueles que cobren os anos trinta. Tamén estudei moitas fontes secundarias, escritas por recoñecidos expertos neste período na Rusa e no Occidente.

Todas as voces máis famosas e as que máis influencia teñen na historia soviética son ideólogos anticomunistas que abusan da ciencia histórica co obxectivo de criminalizar a Stalin e a súa época. E non se trata só dunha cuestión de parcialidade política, que tamén. Senón que nos encontramos cunha gran cantidade de mentiras deliberadas nas obras dos máis famosos historiadores.

Probas

Nas miñas aulas sempre pregunto ao alumnado: «Cal é a palabra máis radical en calquera idioma?» Eles responden unha serie de palabras comúns. Entre as máis frecuentes están “Socialismo” e “Comunismo”. Entón digo: «De facto, socialismo e comunismo son boas palabras radicais. Mais o meu voto é para unha palabra diferente: “Proba”».  Pedir probas, sempre e en calquera lugar, implica que un sexa alcumado de “comunista”!

Isto tamén é valido para o estudo da historia do movemento comunista, onde predominan as mentiras. E cando se piden probas, as cousas comezan a pórse interesantes.

Hai veces que a xente me di: «Grover, non encontro os seus argumentos persuasivos». A miña resposta é a seguinte: «A persuasión é unha forma de propaganda que depende da mentalidade da persoas a quen se pretenda persuadir». Unha persoa coas ideas preconcibidas moi asentadas non pode ser “persuadido” por ningunha proba, e as evidencias ou verdades non teñen importancia.

Fago moitos dos meus descubrimentos investigando as notas ao rodapé das fontes secundarias, para comprobar se as fontes primarias citadas realmente presentan evidencias dos feitos e afirmacións que se fan. A miúdo non o fan.

Gustaríame concluír con algunhas observacións verbo das miñas investigacións máis recentes:

  • No 2009 realicei un amplo estudo sobre o Pacto Molotov-Ribbentrop e chamada “invasión soviética de Polonia” do 17 de setembro de 1939. Ao igual que co Discurso de Khrushchev, fiquei abraiado polo grao de falsificación con que son tratados estes dous eventos polos historiadores.
O Pacto Molotov-Ribbentrop non “dividiu” a Europa do Leste. Tampouco a Unión Soviética invadiu Polonia.

  • Investiguei moito o Terceiro Xuízo de Moscova, o de “Bukharin-Rykov”. As probas de que Bukharin era culpábel de cando menos o que el confesou son simplemente abafantes. En xeral, non existen probas de que os testemuños de calquera dos xuízos de Moscova foran falsificados.

  • En xaneiro de 2012 publiquei un extenso artigo sobre o famoso libro de Steven Cohen Bukharin e a Revolución Bolxevique. Aparecido en 1973, este foi un súper vendas inmediato en todo o mundo. Foi traducido ao ruso por anticomunistas de dentro da Unión Soviética, que o levaron de contrabando aos EUA, onde se imprimiu e distribuíu despois na Unión Soviética. A finais dos oitenta, Mijail Gorbachev fixo que se publicara oficialmente por unha editorial soviética. Díxolle a Cohen que este libro fora fundamental para convencelo de que o comunismo era un mal sistema que tiña que ser destruído.
No meu artigo probo, botando man de fontes primarias xa dispoñíbeis, que todas as afirmacións feitas no último capítulo do libro de Cohen, que cobre desde 1930 a 1938, son falsas e están baseadas nas falsificacións da época de Khrushchev.
Tamén podo demostrar que Cohen agochou información. Omite no seu libro que el mesmo tiña información que confirmaba que Bukharin conspirara para matar a Stalin en 1928.

O asasinato de Kirov

Nos anos 2010 e 2011 investiguei e escribín un libro sobre o asasinato de Sergei Kirov en decembro de 1934. O meu libro leva por título: O asasinato de Sergei Kirov: Historia, Investigación e o Paradigma Histórico Anti-Stalin. Publicarase en inglés o 1 de xuño, dentro de poucos días. A edición rusa sairá do prelo a finais deste verán.

Khrushchev quería demostrar que Stalin matara a Kirov. Outro tanto fixera Gorbachev. Mais non o conseguiron. Botaron man das falsificacións da época de Khrushchev,  esas que dicían que Nikolaev fora un “pistoleiro solitario” e que Stalin, como o ser vil que os seus inimigos dicían que era, acusara falsamente ao resto.

En setembro de 2010, Matthew Lenoe, profesor de historia rusa na Universidade de Rochester, publicou un libro de 800 páxinas, dentro da serie “Anais do Comunismo” da Yale University Press, titulado O asasinato de Kirov e a historia soviética. Lenoe pasou a última década escribindo este libro. Está destinado a ser a “última palabra” sobre o tema. No libro Lenoe afirma que demostrou a hipótese de Khrushchev e Gorbachev de que Nikolaev fora un “pistoleiro solitario” e que Stalin acusara falsamente a todos os demais.

Hoxe contamos con moitas evidencias que demostran que os homes condenados e executados xunto con Nikolaev en decembro de 1934 eran culpábeis. Aínda máis, temos unha gran cantidade de probas de que os acusados nos tres Procesos de Moscova tamén eran culpábeis. Culpábeis non só do que eles confesaron, senón tamén de delitos que saíron á luz posteriormente.

Lenoe nin sequera menciona a maioría destas probas, porque contradín a súa propia idea preconcibida de que Nikolaev era un “pistoleiro solitario”. E esa idea ten que ser a súa conclusión, porque é a única conclusión aceptábel que encaixa na historiografía anticomunista.

Snyder

O meu último libro é un estudo do absolutamente falso súper vendas de Timothy Snyder, Bloodlands. Snyder é profesor de Historia da Europa do Leste na Universidade de Yale.

Publicada en castelán en 2011 por Galaxia Gutenberg, co título Tierras de sangre: Europa entre Hitler e Stalin. E en portugués por Bertrand Editora, no mesmo ano, co título Terra Sanguenta. A Europa entre Hitler e Estaline.

Terra Sanguenta foi traducida a máis de 20 idiomas, incluíndo todos os idiomas da antiga Unión Soviética e do bloque soviético, agás o ruso. No libro Snyder compara Stalin con Hitler, os dos “asasinos de masas”, e a Unión Soviética coa Alemaña dos nazis.

Estas son as primeiras palabras do libro:

Catorce millóns é a cifra aproximada das persoas asasinadas polas políticas intencionadas de asasinatos masivos implantadas pola Alemaña nazi e a Unión Soviética nas terras de sangue. Defino as terras de sangue como os territorios suxeitos ao poder policial tanto alemán como soviético e asociados ás políticas de asasinatos masivos nalgún momento entre 1933 e 1945.

O libro é unha completa fraude. Apenas atopamos una declaración certa. Porén, as súas falsidades pasaron totalmente desapercibidas. Por qué?

As notas ao rodapé da obra de Snyder, onde se encontran presuntamente as probas das súas afirmacións, son principalmente de obras e documentos escritos en polaco e ucraíno, e ocasionalmente en alemán, francés e ruso.

Para comprobar as notas e comprobar que as afirmacións están realmente apoiadas nas probas, vostede ten que ser capaz de ler todos os textos e tomarse a molestia e o gasto de situar, conseguir e estudar as obras citadas por Snyder.

A obra é compatíbel coa construción que fai a dereita –de facto, criptofascista e nazi- da mitoloxía histórica na Europa do Leste, onde as novas clases dirixentes deben xustificar a súa colaboración cos nazis e os seus actuais réximes de superexplotación dos seus propios pobos.

O furibundo anticomunismo do libro tamén convén aos anticomunistas occidentais. Snyder é moi influinte. Escribe regularmente en The New York Times, Book Review, New York Review of Books, The Times e outros importantes xornais. A súa técnica consiste no gran embuste.

Actualmente estou buscando un editor para o meu libro onde expoño a Snyder como un embusteiro anticomunista sen principios. Se alguén da audiencia traballa nalgunha editorial poderiamos falar ao remate da palestra.

Trotski

O meu actual proxecto versa sobre o papel de León Trotski na década dos trinta. No 2010 publiquei un extenso artigo en Cultural Logic, en que recompilei e avaliei todas as probas que hoxe temos –principalmente dos antigos arquivos soviéticos- de que León Trotski colaborou realmente cos alemáns e xaponeses, como foi acusado de facelo nos procesos de Moscova.

Chego á conclusión –como calquera estudo obxectivo ten de o facer- de que todas as probas que temos hoxe apoian a hipótese de que Trotski, efectivamente, colaborou cos alemáns e xaponeses, e que non existe ningunha evidencia da fabricación destas probas.

No curso da investigación comecei a atopar moitas probas de que Trotski mentía constantemente nos seus escritos sobre a Unión Soviética durante os anos trinta. Como comezara a mentir verbo dos Procesos de Moscova para agochar a existencia do Bloque de Dereitas, Zinovievistas e Trotskistas, viuse na necesidade de seguir mentindo. Agora podemos probar que todo o que Trotski escribiu sobre os Procesos de Moscova era deliberadamente falso.  

O “Masacre de Katyn”

A finais de xaneiro deste ano escribín un artigo sobre o “Masacre de Katyn”. Algúns descubrimentos moi actuais na Ucraína demoleron a versión oficial do masacre de Katyn. Simplemente, a versión oficial non pode ser certa, e é imposíbel que “os soviéticos o fixeran”.

O meu artigo publicarase en xullo, e estarán dispoñíbel para a súa descarga desde a miña páxina web. Será a primeira vez que se demostra que os soviéticos non dispararon aos prisioneiros de guerra polacos. Endexamais se publicou algo parecido en ningunha revista académica.

Polonia investiu probabelmente cen millóns de dólares en monumentos de presuntas vítimas de Katyn. Rusia investiu practicamente a mesma cantidade. Katyn é a pedra chave do nacionalismo moderno polaco, que é anticomunista e de dereitas, e, até certo punto, aos nacionalismos de corte fascista asentados en todos os antigos países soviéticos do leste, como os países bálticos, Hungría ou Ucraína.


* * *

Brevemente, a historia da Unión Soviética debe volver a escribirse de novo. A narración da historia soviética en circulación baséase en grande medida en mentiras e falsidades.

Desde a fin da Unión Soviética somos testemuñas da publicación dun grande número de fontes primarias dos antigos arquivos soviéticos, e aí están as evidencias que nos permiten chegar á verdade, malia as mentiras dos anticomunistas rusos e non rusos.

Os capitalistas mentiron sobre a historia soviética. E como non ían facelo? Interesáballes e interésalles mentir sobre o maior movemento pola liberación humana na historia mundial. O maior número de falsidades concéntranse na figura de Iosif Stalin e na Unión Soviética durante a época do seu liderado.

En última instancia, desgraciadamente, o proxecto comunista na Unión Soviética, China e outros países xa non existe. Non caeu por mor da conquista ou subversión estranxeira, mais por erros internos. Temos de estudar os éxitos e fracasos da historia soviética co fin de aprendermos a imitar o que fixeron correctamente os soviéticos e evitarmos os seus erros. Síntome feliz por xogar un papel, por pequeno que este for, neste importante labor.

Doulles as grazas por escoitar a miña presentación e agardo, con humildade, os seus comentarios e críticas.


Grover Furr
Galiza, maio de 2013