Texto, traducido para o galego por Aqueloutras,
das palestras impartidas polo historiador Grover Furr durante a súa estancia na
Galiza en maio deste ano.
- - -
Boa noite. Quero agradecer aos camaradas de
Compostela, Ferrol e Vigo o seu convite para dar estas palestras. A razón das
mesmas é a publicación da edición galega do meu libro As Mentiras de Khrushchev.
Tanto na Rusia como no Occidente, Khrushchev é
oficialmente un “heroe”. O seu Discurso Secreto, polo drástico cambio que
provocou na Unión Soviética, e por tanto na Rusia, é materia de estudo entre o
alumnado ruso.
Malia implicar tamén un cambio na historia do
mundo, fóra da Rusia son moi poucos os que coñecen hoxe este discurso, tan cheo
de personaxes e eventos dos que nunca escoitaron falar. Polo que tamén vou
comentar brevemente outros temas da historia soviética moito máis coñecidos que
os mencionados por Khrushchev no seu discurso.
Que podo aportar eu? Investigación e probas.
Son moi poucas as persoas que desde a esquerda están facendo este traballo.
Aqueles que están investigando o período da Unión Soviética baixo Stalin, que
poden ler ruso con fluidez, que teñen capacidade para investigar, que contan
coas necesarias relacións institucionais para acceder a servizos esenciais
bibliotecarios, como préstamos de libros e informes entre bibliotecas, e os que
teñen o interese e a motivación para facer este traballo son, polo xeral,
anticomunistas.
As poucas persoas que teñen acceso a estes
servizos sitúanse, na súa maior parte, dentro da visión oficial da historia
soviética e rusa. E para pertencer a ese campo, o anticomunismo é unha
característica obrigada. Nos poucos casos que non son así, a persoa ten de
evitar escribir calquera cousa que poida enfurecer ou contradicir os postulados
anticomunistas.
Permítanme dicilo doutro xeito: Se vostede
pertencera ao mundo académico e ensinara historia soviética nun Departamento
universitario, non podería levar a cabo as investigacións que eu fago. De o
facer, sería vetado nas revistas científicas e nas principais editoriais
académicas, e pronto sería despedido.
Por esta razón, a miña posición é case única.
Ensino nun Departamento de Inglés. A miña vida académica non depende en
absoluto das miñas investigacións sobre a historia soviética.
Por tanto, isto é o que teño que ofrecer. E
moita xente de todo o mundo coida que é importante. Non só a xente de esquerdas,
coma vostedes. Tamén os anticomunistas pensan que é importante. E iso non lles
gusta.
Son moitos os interesados en que a verdade
sobre a historia do movemento comunista na Unión Soviética, sobre todo durante
os anos de Stalin, non vexa a luz. Queren seguir debuxando Stalin como un demo
equiparábel a Hitler ou aos fascistas daquela época, botando man de todo tipo
de falsificacións e mentiras. E fano non só dunha maneira pasiva a través do
seu “punto de vista”, senón activamente, falsificando deliberadamente as
probas, as fontes e a historia.
Rectificar todas estas falsificacións é o que
eu podo ofrecer. E é do que quero falar con vostedes.
* * *
Déixenme dicir unhas palabras sobre as “probas”.
Os “feitos” non poden separarse da “investigación” e das “probas”. A través da
investigación e das probas estabelecemos o que é un “feito” e o que non é. Non
existe outra maneira.
Khrushchev foi capaz de manter as súas
mentiras durante máis de 50 anos grazas á prohibición da investigación e o agochamento
das probas que desmentían as súas palabras. E esta actitude de Khrushchev foi
que permitiu que todos os anticomunistas da Guerra Fría puideran falsificar a
historia, quer na Unión Soviética (como Roy Medvedev), quer no Occidente (como
Robert Conquest). Estas falsificacións iniciadas por Khrushchev son hoxe a “versión
oficial” da historia soviética.
Direi unhas palabras verbo da obxectividade. Un
pode aprender a ser obxectivo, formándose na articulación das súas ideas e
poñendo en dúbida as súas ideas preconcibidas e prexuízos. Por tanto, a
obxectividade adquírese coa práctica, como a aprendizaxe dunha lingua
estranxeira. Un pode logralo a través da práctica, mediante un esforzo
consciente. Isto é o que un debe facer se busca a verdade. E nós, os marxistas,
queremos saber a verdade!
Marx e Engels escribiron que «os proletarios
non teñen nada que perder agás as súas propias cadeas». Non pode haber ningunha
razón para nos negarmos a facer un exame crítico. Queremos desbotar toda ilusión
ou falsidade. Só «a verdade nos fará libres» se “nós” somo a clase obreira
internacional.
O lema favorito de Marx foi De omnibus dubitandum (Cuestiónao todo).
E iso é o que vostede debe face se quere saber a verdade. E debe cuestionar as
súas propias ideas preconcibidas.
Á fin e ao cabo, é o que fan todos os
detectives burgueses en todas as novelas policiais. Como adoitaba dicir
Sherlock Holmes: Manteña a súa mente libre de conclusións prematuras.
Infórmese antes de elaborar a súa hipótese.
Estea preparado para abandonar unha hipótese que non explique os feitos
contrastados. De non o facer, de non tentar descubrir a verdade desde o principio,
vostede non tropezará coa verdade por accidente, non poderá descubrir a
verdade.
E isto é o que me esforzo en facer. Ningún dos
que debuxan Stalin como un monstro e a Unión Soviética como o imperio dos
oprimidos, todos eses anticomunistas “expertos” na historia do movemento
comunista, tentaron nunca seren obxectivos. Non descobren a verdade porque non
queren facelo. Prefiren inventaren unha falsa historia do movemento comunista,
escribir «propaganda con notas ao rodapé». E iso é o que son as súas obras,
propaganda.
* * *
O
Discurso de Khrushchev
O Discurso Secreto de Khrushchev coñécese como
a revelación máis importante do século XX. Provocou un cambio fundamental no
camiño da Unión Soviética e, de facto, no da historia mundial. É significativo
que precisamente este discurso se convertera nun dos piares da concepción política
do “anti-stalinismo”. E ninguén interesado na historia da Unión Soviética pode
ignorar un documento de semellante importancia.
Cando aínda estaba elaborando un esbozo deste
traballo o meu obxectivo era modesto. Quería identificar as “revelacións” do
Discurso coas fontes históricas dispoñíbeis grazas á desclasificación dalgúns
documentos dos antigos arquivos soviéticos. Nos últimos 10 e 15 anos puxéronse
a disposición dos historiadores un grande número de novas fontes que fan posíbel
unha avaliación obxectiva das declaracións de Khrushchev.
O resultado foi que, de todas as “revelacións”,
ningunha delas resultou ser verídica. Nin unha soa!
Algunhas das falsidades de Khrushchev, por
suposto, eran coñecidas con anterioridade, como por exemplo a absurda afirmación
de que Stalin «planeou operacións militares sobre un globo terráqueo». Mais o
realmente sorprendente foi que todo o Discurso está composto por “revelacións”
desta clase.
A
respecto de Stalin
Non estou a “defender” a Stalin nin a ninguén.
Como investigador e estudoso, ocúpome dos feitos e as probas. Concordo co
historiador ruso Iuri Zhukov cando escribe:
Podo dicir honestamente que me opoño á rehabilitación de
Stalin, porque me opoño á rehabilitacións en xeral. Nada nin ninguén na
historia debe ser rehabilitado, senón que hai que descubrir a verdade e dicila.
Tampouco é a miña intención suxerir que só con
que Stalin conseguise os seus obxectivos, solucionaría isto os múltiples
problemas da construción do socialismo e do comunismo na Unión Soviética.
O tema da miña investigación é o Discurso
Secreto de Khrushchev, en que presuntamente “descubriu” moitos crimes de Stalin
e Beria. Illei 61 “revelacións” ou afirmacións acusatorias. Investigou todas
elas á luz das fontes históricas. E resultado final foi que nin unha das “revelacións”
do Discurso Secreto resultou ser certa.
As consecuencias son moitas. O redescubrimento
da historia soviética vai alén da crítica do Discurso Secreto de Khrushchev. As
ideas sobre o período de Stalin, non só as “comúns”, senón tamén as elaboradas
por expertos, son fundamentalmente falsas. Cómpre escribir de novo toda a
historia soviética.
Algúns exemplos:
- A colectivización. Resolveu o problema eterno das malas colleitas e das fames recorrentes. Até 1932-1933 houbo un andazo de fame cada dous ou tres anos na Rusia e na Ucraína. Grazas á colectivización, a fame de 1932-1933 foi a derradeira (coa excepción da fame de 1946-1947, causada pola enorme destrución da guerra e polas pésimas condicións climatolóxicas).
A colectivización
tamén salvou Europa do nazismo. Sen ela, a rápida industrialización e o enorme
desenvolvemento do moderno Exército Vermello serían imposíbeis. Os nazis terían
conquistado a Unión Soviética, cos seus inmensos recursos naturais e humanos,
para volverse contra os aliados.
- Dedicou moito tempo ao estudo das conspiracións da oposición durante os anos trinta. O meu colega moscovita Vladimir Bobrov e eu publicamos unha serie de artigos sobre o tema. Quedan moitos por chegaren. As conspiracións alegados nos Procesos de Moscova existían. Os acusados nestes xuízos eran culpábeis de, cando menos, o que confesaron. Nalgúns casos, como o de Bukharin, sabemos que eran culpábeis de máis cousas das que confesaron.
- O chamado “Gran Terror” foi provocado deliberadamente por Nikolai Ezhov, xefe do Comisariado do Pobo para Asuntos Internos (NKVD), que matou centos de milleiros de cidadáns soviéticos nun intento por sementar o descontento co Goberno soviético e axudar a abrir as portas á invasión alemá e/ou xaponesa.
- As conspiracións militares existían. Hoxe contamos con numerosas probas.
* * *
A
historiografía soviética continúa a ser principalmente propaganda
A historiografía da Unión Soviética estivo
dominada pola propaganda desde o principio. Mais intensificouse enormemente
durante a Guerra Fría, despois da Segunda Guerra Mundial.
As forzas políticas que promoveron, primeiro,
un maior papel do mercado na sociedade soviética, e, despois, o retorno do
capitalismo na Unión Soviética, son as mesmas que atacan a Stalin e destrúen as
súas contribucións ao pobo soviético. Son as que propagan esta versión da
historia, dominante hoxe tanto na Rusia como noutros países.
Durante a última década dediquei moito tempo,
e moitos cartos, á adquisición e estudo dos documentos dos antigos arquivos
soviéticos que se publicaron após a queda da Unión Soviética en 1991. Centrei o
meu estudo nos documentos que se ocupan no período de Stalin e, dentro deste
período, principalmente naqueles que cobren os anos trinta. Tamén estudei
moitas fontes secundarias, escritas por recoñecidos expertos neste período na
Rusa e no Occidente.
Todas as voces máis famosas e as que máis
influencia teñen na historia soviética son ideólogos anticomunistas que abusan
da ciencia histórica co obxectivo de criminalizar a Stalin e a súa época. E non
se trata só dunha cuestión de parcialidade política, que tamén. Senón que nos
encontramos cunha gran cantidade de mentiras deliberadas nas obras dos máis
famosos historiadores.
Probas
Nas miñas aulas sempre pregunto ao alumnado: «Cal
é a palabra máis radical en calquera idioma?» Eles responden unha serie de
palabras comúns. Entre as máis frecuentes están “Socialismo” e “Comunismo”. Entón
digo: «De facto, socialismo e comunismo son boas palabras radicais. Mais o meu
voto é para unha palabra diferente: “Proba”». Pedir probas, sempre e en calquera lugar,
implica que un sexa alcumado de “comunista”!
Isto tamén é valido para o estudo da historia
do movemento comunista, onde predominan as mentiras. E cando se piden probas,
as cousas comezan a pórse interesantes.
Hai veces que a xente me di: «Grover, non
encontro os seus argumentos persuasivos». A miña resposta é a seguinte: «A
persuasión é unha forma de propaganda que depende da mentalidade da persoas a
quen se pretenda persuadir». Unha persoa coas ideas preconcibidas moi asentadas
non pode ser “persuadido” por ningunha proba, e as evidencias ou verdades non
teñen importancia.
Fago moitos dos meus descubrimentos
investigando as notas ao rodapé das fontes secundarias, para comprobar se as
fontes primarias citadas realmente presentan evidencias dos feitos e afirmacións
que se fan. A miúdo non o fan.
Gustaríame concluír con algunhas observacións
verbo das miñas investigacións máis recentes:
- No 2009 realicei un amplo estudo sobre o Pacto Molotov-Ribbentrop e chamada “invasión soviética de Polonia” do 17 de setembro de 1939. Ao igual que co Discurso de Khrushchev, fiquei abraiado polo grao de falsificación con que son tratados estes dous eventos polos historiadores.
O Pacto
Molotov-Ribbentrop non “dividiu” a Europa do Leste. Tampouco a Unión Soviética
invadiu Polonia.
- Investiguei moito o Terceiro Xuízo de Moscova, o de “Bukharin-Rykov”. As probas de que Bukharin era culpábel de cando menos o que el confesou son simplemente abafantes. En xeral, non existen probas de que os testemuños de calquera dos xuízos de Moscova foran falsificados.
- En xaneiro de 2012 publiquei un extenso artigo sobre o famoso libro de Steven Cohen Bukharin e a Revolución Bolxevique. Aparecido en 1973, este foi un súper vendas inmediato en todo o mundo. Foi traducido ao ruso por anticomunistas de dentro da Unión Soviética, que o levaron de contrabando aos EUA, onde se imprimiu e distribuíu despois na Unión Soviética. A finais dos oitenta, Mijail Gorbachev fixo que se publicara oficialmente por unha editorial soviética. Díxolle a Cohen que este libro fora fundamental para convencelo de que o comunismo era un mal sistema que tiña que ser destruído.
No meu artigo
probo, botando man de fontes primarias xa dispoñíbeis, que todas as afirmacións
feitas no último capítulo do libro de Cohen, que cobre desde 1930 a 1938, son
falsas e están baseadas nas falsificacións da época de Khrushchev.
Tamén podo
demostrar que Cohen agochou información. Omite no seu libro que el mesmo tiña
información que confirmaba que Bukharin conspirara para matar a Stalin en 1928.
O
asasinato de Kirov
Nos anos 2010 e 2011 investiguei e escribín un
libro sobre o asasinato de Sergei Kirov en decembro de 1934. O meu libro leva
por título: O asasinato de Sergei Kirov:
Historia, Investigación e o Paradigma Histórico Anti-Stalin. Publicarase en
inglés o 1 de xuño, dentro de poucos días. A edición rusa sairá do prelo a
finais deste verán.
Khrushchev quería demostrar que Stalin matara
a Kirov. Outro tanto fixera Gorbachev. Mais non o conseguiron. Botaron man das falsificacións
da época de Khrushchev, esas que dicían
que Nikolaev fora un “pistoleiro solitario” e que Stalin, como o ser vil que os
seus inimigos dicían que era, acusara falsamente ao resto.
En setembro de 2010, Matthew Lenoe, profesor
de historia rusa na Universidade de Rochester, publicou un libro de 800 páxinas,
dentro da serie “Anais do Comunismo” da Yale
University Press, titulado O
asasinato de Kirov e a historia soviética. Lenoe pasou a última década
escribindo este libro. Está destinado a ser a “última palabra” sobre o tema. No
libro Lenoe afirma que demostrou a hipótese de Khrushchev e Gorbachev de que
Nikolaev fora un “pistoleiro solitario” e que Stalin acusara falsamente a todos
os demais.
Hoxe contamos con moitas evidencias que
demostran que os homes condenados e executados xunto con Nikolaev en decembro
de 1934 eran culpábeis. Aínda máis, temos unha gran cantidade de probas de que
os acusados nos tres Procesos de Moscova tamén eran culpábeis. Culpábeis non só
do que eles confesaron, senón tamén de delitos que saíron á luz posteriormente.
Lenoe nin sequera menciona a maioría destas
probas, porque contradín a súa propia idea preconcibida de que Nikolaev era un “pistoleiro
solitario”. E esa idea ten que ser a súa conclusión, porque é a única conclusión
aceptábel que encaixa na historiografía anticomunista.
Snyder
O meu último libro é un estudo do
absolutamente falso súper vendas de Timothy Snyder, Bloodlands. Snyder é profesor de Historia da Europa do Leste na
Universidade de Yale.
Publicada en castelán en 2011 por Galaxia
Gutenberg, co título Tierras de sangre:
Europa entre Hitler e Stalin. E en portugués por Bertrand Editora, no mesmo
ano, co título Terra Sanguenta. A Europa
entre Hitler e Estaline.
Terra
Sanguenta foi traducida a máis de 20 idiomas, incluíndo
todos os idiomas da antiga Unión Soviética e do bloque soviético, agás o ruso.
No libro Snyder compara Stalin con Hitler, os dos “asasinos de masas”, e a Unión
Soviética coa Alemaña dos nazis.
Estas son as primeiras palabras do libro:
Catorce millóns é a cifra
aproximada das persoas asasinadas polas políticas intencionadas de asasinatos
masivos implantadas pola Alemaña nazi e a Unión Soviética nas terras de sangue.
Defino as terras de sangue como os territorios suxeitos ao poder policial tanto
alemán como soviético e asociados ás políticas de asasinatos masivos nalgún
momento entre 1933 e 1945.
O libro é unha completa fraude. Apenas
atopamos una declaración certa. Porén, as súas falsidades pasaron totalmente
desapercibidas. Por qué?
As notas ao rodapé da obra de Snyder, onde se
encontran presuntamente as probas das súas afirmacións, son principalmente de
obras e documentos escritos en polaco e ucraíno, e ocasionalmente en alemán,
francés e ruso.
Para comprobar as notas e comprobar que as
afirmacións están realmente apoiadas nas probas, vostede ten que ser capaz de
ler todos os textos e tomarse a molestia e o gasto de situar, conseguir e
estudar as obras citadas por Snyder.
A obra é compatíbel coa construción que fai a
dereita –de facto, criptofascista e nazi- da mitoloxía histórica na Europa do
Leste, onde as novas clases dirixentes deben xustificar a súa colaboración cos
nazis e os seus actuais réximes de superexplotación dos seus propios pobos.
O furibundo anticomunismo do libro tamén convén
aos anticomunistas occidentais. Snyder é moi influinte. Escribe regularmente en
The New York Times, Book Review, New York Review of Books, The
Times e outros importantes xornais. A súa técnica consiste no gran embuste.
Actualmente estou buscando un editor para o
meu libro onde expoño a Snyder como un embusteiro anticomunista sen principios.
Se alguén da audiencia traballa nalgunha editorial poderiamos falar ao remate
da palestra.
Trotski
O meu actual proxecto versa sobre o papel de León
Trotski na década dos trinta. No 2010 publiquei un extenso artigo en Cultural Logic, en que recompilei e
avaliei todas as probas que hoxe temos –principalmente dos antigos arquivos
soviéticos- de que León Trotski colaborou realmente cos alemáns e xaponeses,
como foi acusado de facelo nos procesos de Moscova.
Chego á conclusión –como calquera estudo
obxectivo ten de o facer- de que todas as probas que temos hoxe apoian a hipótese
de que Trotski, efectivamente, colaborou cos alemáns e xaponeses, e que non
existe ningunha evidencia da fabricación destas probas.
No curso da investigación comecei a atopar
moitas probas de que Trotski mentía constantemente nos seus escritos sobre a
Unión Soviética durante os anos trinta. Como comezara a mentir verbo dos Procesos
de Moscova para agochar a existencia do Bloque de Dereitas, Zinovievistas e
Trotskistas, viuse na necesidade de seguir mentindo. Agora podemos probar que
todo o que Trotski escribiu sobre os Procesos de Moscova era deliberadamente
falso.
O “Masacre
de Katyn”
A finais de xaneiro deste ano escribín un
artigo sobre o “Masacre de Katyn”. Algúns descubrimentos moi actuais na Ucraína
demoleron a versión oficial do masacre de Katyn. Simplemente, a versión oficial
non pode ser certa, e é imposíbel que “os soviéticos o fixeran”.
O meu artigo publicarase en xullo, e estarán
dispoñíbel para a súa descarga desde a miña páxina web. Será a primeira vez que
se demostra que os soviéticos non
dispararon aos prisioneiros de guerra polacos. Endexamais se publicou algo
parecido en ningunha revista académica.
Polonia investiu probabelmente cen millóns de
dólares en monumentos de presuntas vítimas de Katyn. Rusia investiu
practicamente a mesma cantidade. Katyn é a pedra chave do nacionalismo moderno
polaco, que é anticomunista e de dereitas, e, até certo punto, aos
nacionalismos de corte fascista asentados en todos os antigos países soviéticos
do leste, como os países bálticos, Hungría ou Ucraína.
* * *
Brevemente, a historia da Unión Soviética debe
volver a escribirse de novo. A narración da historia soviética en circulación
baséase en grande medida en mentiras e falsidades.
Desde a fin da Unión Soviética somos
testemuñas da publicación dun grande número de fontes primarias dos antigos
arquivos soviéticos, e aí están as evidencias que nos permiten chegar á verdade,
malia as mentiras dos anticomunistas rusos e non rusos.
Os capitalistas mentiron sobre a historia soviética.
E como non ían facelo? Interesáballes e interésalles mentir sobre o maior
movemento pola liberación humana na historia mundial. O maior número de
falsidades concéntranse na figura de Iosif Stalin e na Unión Soviética durante
a época do seu liderado.
En última instancia, desgraciadamente, o
proxecto comunista na Unión Soviética, China e outros países xa non existe. Non
caeu por mor da conquista ou subversión estranxeira, mais por erros internos.
Temos de estudar os éxitos e fracasos da historia soviética co fin de
aprendermos a imitar o que fixeron correctamente os soviéticos e evitarmos os
seus erros. Síntome feliz por xogar un papel, por pequeno que este for, neste
importante labor.
Doulles as grazas por escoitar a miña
presentación e agardo, con humildade, os seus comentarios e críticas.
Grover Furr
Galiza, maio de 2013