«Xusto despois da primeira guerra mundial
traballaba como asalariado en París, como deseñador de antigüidades chinesas
(fabricadas por unha firma francesa). Naquela época, distribuía acotío
propaganda denunciando os males causados polo colonialismo. Defendía daquela a
Revolución de Outubro simplemente por unha especie de simpatía espontánea, sen
chegar a comprender aínda toda a súa importancia histórica. Amaba e respectaba
a Lenin só por ser un grande patriota que liberara os seus compatriotas; non
lera naquela época ningunha das súas obras.
Afiliárame ao partidos socialista francés
simplemente porque aqueles Messieurs-Dames (así chamaba eu aos camaradas do
Partido) testemuñaran simpatía pola loita dos pobos oprimidos. Non comprendía
aínda o que era un partido, un sindicato, o que significaba socialismo ou
comunismo.
Nesa época, nas seccións do partido socialista
discutíase con vehemencia por saber se había que continuar na Segunda
Internacional ou crear unha Internacional Dúas e Media, ou adherirse á Terceira
Internacional de Lenin. Asistía regularmente a todas as reunións, dúas ou tres
veces por semana. Escoitaba atentamente todas as intervencións. Ao principio
non comprendía todo. Por que discutir con tanto encarnizamento? Coa Segunda
Internacional, ou a Internacional Dúas e Media, ou a Terceira, ben se podía
levar a cabo a revolución. Por que tanto empeño en discutir? Aínda quedaba a
Primeira Internacional. Que fora dela?
O que eu ardía en desexos de saber –e
precisamente do que non discutía nestas reunións- era: Cal era a Internacional
que apoiaba a loita dos pobos oprimidos?
Formulei esta cuestión nunha das reunións,
para min a máis importante: Uns camaradas responderon: a Terceira
Internacional, e non a Segunda. E un camarada deume a ler as Teses de Lenin sobre o problema das
nacionalidades e dos pobos coloniais, publicadas en L’Humanité.
Nestas teses había termos políticos difíciles
de comprender. Porén, despois de lelas e relelas varias veces, fun quen de
comprender o esencial. As teses de Lenin provocáronme moita emoción, moito
entusiasmo, moita fe, e axudáronme a ver os problemas con claridade. Foi tanta
a miña ledicia que chorei. Só no meu cuarto, exclamei como se estivese perante
unha inmensa multitude: Queridos compatriotas, oprimidos e miserábeis! Isto é o
que necesitamos, este é o camiño da nosa liberación!
Desde ese momento depositei toda a miña
confianza en Lenin, na Terceira Internacional.
Antes eu só escoitaba; todos semellaban cheos
de razón, e non me decidía a darlla ou quitarlla a este ou ao outro. Mais
lanceime tamén á discusión após ler as teses de Lenin. Interviña con paixón. A
despeito do meu insuficiente dominio do francés, que non me permitía expresar
totalmente as miñas ideas, enfrontábame con forza a todos aqueles que se opuñan
a Lenin, á Terceira Internacional. O meu único argumento era: Camaradas, de non
condenardes o colonialismo, de non axudardes os pobos oprimidos, que clase de
revolución pretendedes levar a cabo?
Xa non me contentaba con participar nas
reunións da miña sección, senón que tamén acudía ás outras seccións a defender
as miñas opinións. Debo engadir que os camaradas Marcel Cachi,
Vaillant-Couturier, Monmousseau e moitos outros me axudaron a comprender moitas
cousas. Finalmente, no Congreso de Tours votei con todos estes camaradas pola
adhesión á Terceira Internacional.
Ao principio foi o patriotismo e non o
comunismo o que me impulsou a crer en Lenin e na Terceira Internacional. Pouco
a pouco, avanzando paso a paso, no curso da loita e combinando o estudo teórico
do marxismo-leninismo co traballo práctico, cheguei a comprender que só o
socialismo e o comunismo poden liberar os oprimidos e os traballadores do
mundo.
No Vietnam, como na China, a lenda fala dun saco
máxico; cando un tropeza con grandes dificultades, abonda abrir o saco para
atopar a solución. Para os revolucionarios e o pobo vietnamitas, o
marxismo-leninismo constitúe non só un saco máxico, non só un compás, senón un
verdadeiro sol que ilumina o camiño até a vitoria final, até o socialismo e o
comunismo.»
Ho Chi Minh, L’Echo du Vietnam, París, 1960.
Citado en Jean Lacouture, Ho Chi Minh,. Alianza Editorial, 1968.
Nenhum comentário:
Postar um comentário