Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

6 de junho de 2013

O asasinato de Sergei Kirov, novo traballo de Grover Furr



De volta xa na súa vila de Bloomfield, Grover Furr presenta un novo traballo de investigación. Publicado, como Khrushchev Lied, por Erytrhos Press and Media, este 2 de xuño saía do prelo The Murder of Sergei Kirov: History, Scholarship and the Anti-Stalin Paradigm. Para alén, en xullo aparecerá un outro libro do profesor estadounidense, desta vez verbo do masacre de Katyn. Sen dúbida, boas novas para as persoas interesadas na historia da Unión Soviética.

Presentación do libro na web de Erytrhos Press and Media

O 1 de decembro de 1934 foi asasinado o líder do Partido en Leningrado, Sergei M. Kirov. A investigación deste crime foi o prefacio dos coñecidos e públicos Procesos de Moscova, do xuízo do “Caso Tukhachevskii”, que implicaba a oito altos mandos do exército, e do xuízo da “Ezhovichina” ou “Gran Terror”.

Foi Leonid Nikolaev, o asasino de Kirov, un pistoleiro solitario que actuaba por motivos persoais, cuxo crime foi utilizado por Stalin para sinalar e executar inimigos reais ou imaxinarios? Ou a detención de Nikolaev foi a chave que permitiu o descubrimento da “grande conspiración contra a Rusia soviética”?

Grover Furr estuda todas as probas dispoñíbeis, a maioría delas procedentes dos arquivos soviéticos. Achega traducións completas de documentos históricos cruciais e detalladas análises dos seus significados, obrigándonos a reconsiderar un dos principais acontecementos da historia soviética.

Furr tamén examina polo miudo dos tres principais estudos verbo do asasinato de Kirov, os de Alla Kirilina, Asmund Egge e Matthew Lenoe. O seu descubrimento: ningún dos estudos “oficiais” do asasinato de Kirov atopa sustento nas probas agora dispoñíbeis.

Escrito coa mesma meticulosidade que o seu traballo de 2011 Krushched Lied, o libro de Furr The Murder os Sergei Kirov: History, Scholarship and the Anti-Stalin Paradigm é unha audaz réplica a décadas de omisión, distorsión e desinformación por parte dos historiadores soviéticos, rusos e occidentais.

Comentarios sobre The Murder of Sergei Kirov:

Grover Furr domina a lingua rusa e móvese con facilidade entre os arquivos rusos. Sen se deixar intimidar pola corrección política, a súa investigación e documentación son precisas, pacientes e meticulosas. Xa demostrou, fóra de toda dúbida, as mentiras de Khrushchev, como titulaba un dos seus anteriores traballos. Enfrontase agora ao asasinato de Kirov. Este libro de Grover Furr, que achega importantes novidades, é unha razón máis para reconsiderarmos a traxedia soviética que comeza co “Caso Kirov”.
- Domenico Losurdo, profesor da Universidade de Urbino, Italia. Autor de Stalin. Storia e critica di una leggenda nera (Roma: Carocci, 2008).


Matthew Lenoe argumentou nun extenso traballo que o asasinato de Kirov fora obra dun pistoleiro solitario, e que Stalin usou este asasinato como a perfecta oportunidade para desprestixiar os seus opoñentes. A se basear en moitas fontes arquivísticas, o profesor Furr achega unha mellor e máis obxectiva análise: o asasino non actuou só, senón que participaba dunha organización conspirativa zinovievista.

- Candan Badem, profesor de Ruso e Historia Soviética na Universidade Tunceli, Turquía.


Grover Furr analiza polo miúdo os interrogatorios aos socios de Nikolaev, compáraos despois cos testemuños de varios dos zinovievistas arrestados e os materiais dos Procesos de Moscova de 1936-1938. Cita fontes non accesíbeis para o lector ruso: o Arquivo Volkogonov, as cartas de Trotski da Universidade de Harvard, libros e artigos publicados no Occidente non dispoñíbeis en ruso... O libro de Furr non é “doado de ler”. Nas propias palabras do autor, é un libro “para eses lectores que buscan unha análise e un exame críticos”.

- Igor Pykhalov, historiador, autor de máis dunha ducia de traballos sobre Stalin e a historia soviética.

Um comentário:

  1. Grande traballo!!!, grande difusión!!, parabéns

    ResponderExcluir