A botar man do coñecido verso do bardo celanovés, enceto este proxecto
informativo que, como o seu ascendente Estoutras, presenta dous marcos que
delimitan o seu lugar ideolóxico: a defensa do socialismo, como máxima formulación
dos intereses da clase obreira e do resto de clases traballadoras; e a loita
pola liberación nacional, obxectivo dunha nación dependente como é Galiza.
Se o Celso falaba sen hipocrisías á hora de se
aliñar coa lingua galega face aos patufos
desleigados, a Aqueloutras, coa modestia de quen se sabe pequeno e recente,
mais coa forza do que é necesario, tamén lle peta, tamén quere e tamén lle dá a
gana formar no crebaondas colectivo, mais aínda cativo, que tenta contrarrestar
esa galerna informativa burguesa que quere, a parafrasear Malcolm X, que odiemos o oprimido e amemos o opresor.
Nesta época de crise sistémica do capitalismo,
a oligarquía recarga as metralladoras ao tempo que preme o botón de máxima
potencia do espremedor da explotación. Facéndolle fronte, por agora dominan as
loitas reformistas, lideradas por reformistas e auspiciadas por teóricos
reformistas. Velaí o grande reto do movemento comunista, dos
marxista-leninistas. O reto de transformarmos esas loitas en combates políticos
revolucionarios. De cambiarmos os tambores e as tarteiras por gadañas e
martelos pneumáticos. De desmarcarmos eses líderes que pulan pola falacia dun
capitalismo “de rostro humano”, e producirmos
dirixentes obreiros e comunistas. Soterrarmos no lixo as teorías dunha “mellor
xestión” deste sistema explotador e rescatarmos do foso do esquecemento os
textos de Lenin, do Che ou do innomeábel, Iosif Stalin.
No entanto, todo isto só será posíbel co medre
cuantitativo e cualitativo das organizacións comunistas en todas as nacións do
mundo. Organizacións fortemente ligadas entre si para os combates comúns, e
cunha total independencia para a adaptación ás súas realidades nacionais, ás
súas realidades concretas.
Achéganse tempos moito máis duros, tempos en
que as loitas serán a morte. Nin nas grandes
alamedas de Neruda, nin nos
carreiros máis lamacentos, haberá farois abondo. Do noso traballo dependerá que,
cando a hora chegar, deles colguemos nós ou os parasitos burgueses.
Boa sorte nesta nova etapa!
ResponderExcluir