[Nina Andreeva saltou á fama en 1988 após a
publicación dunha carta en que criticaba a Perestroika e a Gorbachev. Militante do PCUS
desde 1966, nos últimos anos da URSS encabezou a Plataforma Bolxevique do PCUS,
embrión do Partido Comunista dos Bolxeviques de Toda a Unión, do que Andreeva é
Secretaria Xeral. Esta entrevista publicouse no xornal ruso Prensa
Libre (Свободная Пресса) a
principios de abril. Tradución propia.]
Nina
Andreeva sigue comprometida cos principios un cuarto de século despois
O 13 de
marzo cumpríronse 25 anos dun feito que probabelmente hoxe poucos lembren, mais
que na súa época provocou enormes reaccións tanto nos partidarios como nos
detractores da Perestroika na URSS.
Falamos da publicación, no xornal ruso Rusia
Soviética (Sovietskaya Rossiya), dun
artigo escrito por unha profesora non numeraria de Leningrado, Nina Andreeva,
titulado “Non podo renunciar aos principios”, que foi o primeiro en que se
criticaba con contundencia e desde abaixo as políticas de Gorbachev.
En poucos
días, o artigo foi reimpreso en case mil xornais de toda a Unión Soviética. Os
editores do xornal e a propia Nina Andreeva recibiron milleiros de cartas de
solidariedade e tamén, de condena.
O artigo asustou
de verdade aos arquitectos da Perestroika.
No curso do mes seguinte á súa publicación, as autoridades non souberon que
dicir. O ideólogo da Perestroika,
Alekxandr Iakovlev, estivo a piques de dimitir, mais Gorbachev non llo
permitiu. Diante da insistencia do primeiro, a carta de Nina Andreeva debateuse
no Politburo do PCUS. Como resultado deste debate, Iakovlev escribiu o artigo
“Principios da Perestroika: o
pensamento e a acción revolucionaria”, que o Pravda publicou o 5 de abril. Nel, a carta de Nina Andreeva foi
rebautizada como “Manifesto das forzas anti-Perestroika”.
Hoxe, 25
anos despois, as cuestións formuladas por Nina Andreeva na súa carta continúan
a ser relevantes e controvertidas. Para uns, é a Casandra que augurou a morte
da civilización soviética, mais para outros, é un símbolo retrogrado e
reaccionario. Asemade, o actual goberno tenta coquetear coa poboación a botar
man, con moita ambigüidade, do legado da época soviética, como por exemplo o
constante debate verbo de volver renomear Volgogrado como Stalingrado.
Por todo
isto e por todo o que cambiou nestes anos, decidimos falar coa autora da famosa
carta, Nina Andreeva.
- Nina Andreeva, por favor, dígalle aos
nosos lectores por que escribiu a carta. Foi no momento en que comprende claramente
cara a onde se dirixe o país?
Decateime de
que o país non ía na dirección correcta ao analizar as declaracións do propio
Gorbachev e as dos medios occidentais.
Nos oitenta,
a sociedade soviética vivía entre a excitación e a confusión. Á cabeza do
Estado chegou un xove Secretario Xeral do Comité Central do Partido Comunista
da Unión Soviética (PCUS), Mikhai Gorbachev, espertando ilusión en moita xente
que deu a benvida á Perestroika. Por
que? Nesa época había moitas cuestións por resolver e a sociedade demandaba
cambios. Entre as principais preocupacións estaban a deformación do socialismo
e do Partido, xunto coa dexeneración ideolóxica do PCUS. De facto, existía unha
ruptura entre o pobo e o Partido. E todo isto nun contexto de aberta
“demostración” por parte das elites intelectuais da súa natureza antisoviética.
Lembre, por exemplo, o repertorio antisoviético nos teatros, especialmente nas
postas en escena de M. Shatrova, os numerosos artigos na prensa a difamaren o
período soviético, as mentiras contra Stalin, o desprezo aos veteranos da
guerra, a campaña para reducir a importancia historia do papel da Unión
Soviética na Gran Guerra Patriótica e na Segunda Guerra Mundial, e moitos
exemplos máis.
Todos estes
asuntos estaban a ser discutidos abertamente na sociedade. Eu, como profesora
universitaria e coordinadora de grupos de estudantes, falaba, loxicamente,
destes temas candentes co meu alumnado. A demagoxia e as mentiras de Gorbachev
conseguiran que a maioría da xente non entendese o que realmente estaba a pasar
e o que implicaba a Perestroika. Eu
estaba en contra de moitas das cousas que pasaban nese xiro de 180 graos da
historia, polo que, no verán de 1987, mandei un extenso artigo coa miña opinión
a un xornal. Publicouse parte do meu artigo. En xaneiro de 1988 escribín unha
réplica a un artigo no mesmo xornal, Leningrado
Obreiro (Ленинградский
рабочий), mais foi ignorado. En febreiro de 1988 tivo
lugar o Pleno do CC. do PCUS en que Iegor Ligachev formulou os mesmos problemas
que eu tratara nas miñas dúas cartas ao Leningrado
Obreiro. Enviei copias dos meus
dous artigos a catros xornais, incluíndo Rusia
Soviética. Este último publicou un artigo que era unha versión agrupada e
abreviada das miñas dúas cartas.
- Cando escribía o artigo, pensou nalgún
momento que podería cambiar a súa vida? Que podería convertela nunha figura
pública e política?
Non, non
pensaba niso, non buscaba “fama”. Tratábase simplemente de que eu, como
militante do PCUS, como profesora e como muller soviética, quería expresar a
miña opinión dos verdadeiros obxectivos da Perestroika,
opinión froito da análise dos acontecementos no país e a reacción que estes
provocaban no Occidente. Como por exemplo, a nova interpretación que fixo
Gorbachev das iniciais URSS na ONU en 1987: Unión de Repúblicas Soberanas
Soviéticas…
Coa miña
carta quería chamar a atención do pobo soviético sobre o significado real da Perestroika, e quería que a xente
pensase no futuro do seu país.
- O seu
artigo foi a primeira voz crítica coa política do Partido e do goberno desde unha
posición de esquerdas. Como pensa que tería evolucionado o país de as altas
esferas faceren caso a vostede e aos seus seguidores?
O modo
subxuntivo non é aceptábel en historia. Mais se os dirixentes do país non fosen
case todos contrarrevolucionarios –porque a maioría dos altos cargos do PCUS eran
conformistas por natureza, pola propia esencia da nomenclatura, e foron uns
perfectos condutores da política da “Gorbastroika”-
daquela sería posíbel conseguirmos afastar a Perestroika e comezar a resolver as cuestións urxentes xa
mencionadas.
Para alén,
nesa época non sabíamos que o obxectivo de Gorbachev era destruír o socialismo.
Descoñecíamos que Gorbachev e Shevardnadze «nalgún momento dos anos setenta (!)
chegaron á conclusión de que o sistema socialista debía ser cambiado da cabeza
aos pés...» (verbas de Henry Kissinger, antigo Secretario de Estado dos EUA, en
Diplomacy). «Para lograr isto, decidín
que debía destruír por completo todo o aparello do PCUS e da URSS. Tamén debía
facer o mesmo no resto de países socialistas... Atopei amigos que tiñan os
mesmos pensamentos, como Iakovlev e Shevardnadze. Hai que lles agradecer a
destrución da URSS e a derrota do socialismo.» (Gorbachev, nun encontro con
xornalistas en Ankara, Turquía. Citado por Rusia
Soviética o 19 de agosto de 2000.)
Os altos
cargos do Partido foron suxeitos activos na preparación e posta en marcha da
contrarrevolución. Ieltsin foi Secretario Rexional durante moitos anos, un
membro candidato do Politburo. O seu ministro de Seguridade de Estado,
Golushko, foi xefe da KGB na Ucraína. Burbulis, Secretario de Estado e
Vicepresidente, ensinaba Marxismo-Leninismo nas facultades universitarias e foi
un dos arquitectos das reformas e o xefe real do Goberno. Gaidar encabezaba a
principal revista teórica do PCUS, Comunista
(Коммунист), e despois o xornal
máis importante do PCUS, o Pravda. O
seguinte presidente, Chernomyrdin, era membro do Comité Central do PCUS.
Inclusive en 1995, segundo o Instituto de Socioloxía, o 75% da administración
baixo Ieltsin e o 74,3% do Goberno da Federación Rusa eran antigos membros da
nomenclatura do Partido.
Tería sido
posíbel darlle volta as cousas no Congreso Extraordinario do PCUS en outono de
1991, rexeitando a Perestroika e
renovando por completo os organismos do Estado e do Partido. Iso foi o que os bolxeviques
pensabamos facer a través da Plataforma Bolxevique no PCUS. Mais a
contrarrevolución alcanzounos. Un Decreto de Ielstin en setembro de 1991 prohibía
toda actividade comunista, e pouco antes, en agosto, o Comité Estatal de
Emerxencia organizaba unha farsa de golpe de estado. Despois, o 3 e o 4 de
outubro de 1993, Ieltsin afogou en sangue a revolta contra el, a disparar
contra os defensores do Soviet Supremo da Federación Rusa.
- Durante
case un mes, entre a publicación do seu artigo e a aparición da resposta de
Iakovlev, do 13 de marzo ao 5 de abril de 1988, toda a máquina de propaganda da
Perestroika interrompeu a súa
histeria antisoviética, retomándoa só despois de que Iakovlev aprobase a súa
continuación. Por que pensa que as altas esferas agardaron tanto tempo? Coida que
o seu artigo puido realmente asustar alguén de arriba?
A dirección
do Partido estaba confundida e non sabía que facer. Iakovlev presentou a súa
dimisión, mais Gorbachev non a aceptou e mandoulle preparar un documento
condenatorio contra a “inimiga da Perestroika”,
documento que apareceu no Pravda. A
raíz da publicación do artigo de Iakovlev, a contrarrevolución enceta unha nova
etapa, acosando e perseguindo a todos aqueles que non apoiaban a “Gorbastroika”. E, por suposto, a persoa
máis afectada por esta campaña fun eu, a autora do artigo.
- No seu artigo remarca que a principal
vítima desta revisión histórica en curso sería a mocidade. Hoxe, as novas
xeracións non saben ren do sistema soviética, non coñecen nin os seus aspectos
positivos nin, tampouco, os negativos.
Hoxe, a
mocidade, como outras franxas de idade, están a descubrir a dura realidade. A
mocidade descoñece a súa historia, e as súas condicións recuaron 50 anos ou
máis. A mocidade non coñece a literatura clásica, a música… Moitas persoas non
poden conseguir traballo neste sistema de explotación burguesa que só busca o
máximo lucro, morren de ataques cardíacos ou acaban suicidándose, non poden
formar unha familia por mor dos baixos salarios (de teren a sorte de atopar un
posto de traballo) xa que lles resulta imposíbel mercar un piso e manter unha
familia. Hai unha debilitación mental a gran escala da poboación, especialmente
entre a mocidade.
No entanto,
tamén vemos que está espertando entre eles o interese pola historia soviética.
A medida que empezan a coñecela, vai caendo o velo da mentira.
Grande traballo!!!moito ánimo nesta nova andaina!!!
ResponderExcluir