Hai un par de meses, o xornal flamenco de
tendencia democristiá De Standaard
publicaba unha extensa entrevista [1] a Peter Mertens, presidente do Partido do
Traballo de Bélxica desde 2008.
Malia as súas debilidades, o PTB goza de certa
sona no mundo comunista. Isto débese
seguramente a dous motivos: por unha parte, até 2008 estivo presidido polo
finado Ludo Martens, autor do moi coñecido, agás para a dirección do PTB [2], Un outro ollar sobre Stalin [3]; por
outra parte, organiza, ou cando menos impulsa, anualmente en Bruxelas o
Seminario Comunista Internacional, o encontro máis importante, canto a número
de delegacións participantes, de organizacións e partidos comunistas.
Na entrevista, Peter Mertens semella querer
representar ese papel, tantas veces visto nas películas, en que o preso recén
liberado se reúne co seu axente da condicional:
Si, señor, seino. Antes facía cousas horríbeis. A culpa
era das compañías que frecuentaba. Mais xúrolle, señor, que se entrei no
partido foi por pensar que se dedicaba a facer colectas para axudar os
necesitados. Agora as cousas cambiaron. Cos meus novos amigos, todos tan
modernos e encantadores coma min, conseguimos botar os vellos tareleiros.
Impostos aos ricos? Home... só aos moi, moi ricos. E total, un patacón de nada.
Nin o van notar.
Brincadeiras á marxe, o certo é que algúns
pensan [4] que o PTB vai boa que navega, con todo o aparello dado, polas agradecidas
augas da esquerda reformista. E realmente, as respostas de Peter Mertens só
veñen ratificar, mais xa sen disimulos, o camiño marcado polo “Programa 2007”.
Como xa pasaba neste último, os conceptos que utiliza Peter Mertens son os
elaborados pola burguesía, prescindindo de calquera tipo de linguaxe
proletaria, do uso das categorías marxistas.
Por poñer só un exemplo, Mertens fala de
“democracia”, así, sen apelidos, cando se refire á democracia burguesa,
soterrando o papel que o marxismo lle dá ao Estado e á lexislación con que este
se dota. Esta renuncia ao combate de ideas coa burguesía é obrigada cando o teu
proxecto político non supera a simple “mellora” do sistema, a optimización da
xestión do capitalismo para aliviar a situación do “cidadán”, da “xente”. Polo
que se desprende desta entrevista, e por suposto do “Programa 2007”, semella
que a maduración das condicións subxectivas para o triunfo do socialismo é unha
arela abandonada hai tempo polo PTB. Para unha análise máis polo miúdo da
posición do PTB, e concretamente da posición adoptada no “Programa 2007”
recomendo o artigo citado na nota número 3.
Centrareime xa nalgunhas das pasaxes máis
gorentosas da entrevista.
A resposta á primeira pregunta xa nos sinala o
terreo polo que nos estamos a mover:
D. S.: Tan só hai un ano, un
militante do seu partido lanzaba loas a Corea do Norte no programa televisivo “A
Respecto”.
Peter Mertens: «Daquela esa persoa era camarada meu. Hoxe xa non.»
D. S.: Expulsouno?
P. M.: «Situouse el mesmo fóra do partido. Fiquei abraiado vendo a
entrevista. El sabía moi ben que a súa posición non é a do partido...».
Vaites! Non se que pensará disto o Partido do
Traballo de Corea, participante algunha que outra vez no Seminario Comunista
Internacional. Sen dúbida, ese militante expulsado... perdón, que se
autoexpulsou, non comprende que a defensa da República Popular Democrática de
Corea non cadra moito coa imaxe super fresca que marca a dirección do PTB.
Noutra parte da entrevista, a falar de como
foi o proceso de renovación do partido, Peter Mertens comenta:
«Durante seis meses estivemos a debater o futuro do
partido. As persoas que chegaron con textos doutrinarios de Lenin deixaron o
partido. As persoas que se decataron da necesidade que tiñamos de rexuvenecer,
permaneceron. Foi nese momento cando perdemos o sector dogmático.»
Este tafur das palabras, na liña xeral da
entrevista, busca asociar as calidades de novo, útil e necesario á renuncia ao
Marxismo-Leninismo. Ao tempo que enchoupa a brocha no bote do anquilosamento á
hora de pintar aqueles comunistas que defenden unha praxe coherente, madia leva!,
co ideario comunista.
Evidentemente, Mertens non o di así. Deixa
entrever que o PTB actual se adaptou aos tempos e fuxiu das dinámicas obsoletas
sen resultados. O problema é que unha das principais ensinanzas que nos dá o
Marxismo-Leninismo é que esta é unha teoría viva e dinámica, en que saber
moldearse ás condicións concretas de tempo e de lugar é crucial. E que unha
adaptación que esqueza os principios do Marxismo-Leninismo será simplemente
unha adaptación dentro do actual sistema, para mellor servizo a este.
D. S.: E a Unión
Soviética? Nos 90 o seu partido aínda defendía Lenin e Stalin.
P. M.: «Neste tema a miña ollada ten matices. Sei que
estou empezando a contracorrente, e sei que esta non é a opinión máis sexy,
mais non rexeito todo o que pasou baixo o comunismo. De temos de comezar de
novo, deberíamos edificar outra vez réximes deste tipo? Non. Houbo cousas
esenciais que saíron mal, en termos de concentración de poder, en termos de
falla de democracia e participación? Si.»
Haberá que lle agradecer ao máximo dirixente
do PTB que teña a ben non condenar todo, todo, todo «o que pasou baixo o
comunismo». Vendo o desprezo que desprenden as verbas de Mertens cando fala dos
seus antigos camaradas que chegaban as reunións con eses trasnoitados,
aburridos e poeirentos libros de Lenin, non é de estrañar que xa non recorde a
diferenza entre comunismo e socialismo.
A deixar á marxe tan insignificante detalle,
eu realmente non coñezo unha soa persoa comunista que non teña ningunha crítica
ás experiencias socialistas do pasado século. Para alén de ridículo, sería pasarse
polo arco da vella o principio comunista de crítica e autocrítica. E aínda hai
algo máis importante, esas experiencias tiveron lugar nunhas variábeis
espazo-temporais concretas, polo que, de triunfar cando for e onde for unha
revolución socialista, facer un copia e pega sería absurdo.
Agora ben, estas críticas que todos podemos
ter, son miudezas de as compararmos cos logros acadados, comezando polo
principal, o cambio de privada a social da propiedade dos medios de produción.
Logros, estes si, independentes de calquera concreción de tempo e lugar, xa que
son a razón de ser do socialismo. E isto é o que se agarda dun dirixente
comunista cando é interrogado pola burguesía. Pór en valor estes históricos
logros do proletariado, explicar a necesidade do socialismo e as vantaxes que
para a inmensa maioría da poboación implica este modelo, face ao actual sistema
baseado na explotación da maioría. E non comportarse como un timorato pedindo
perdón porque un día as clases traballadoras petaron forte na mesa e cambiaron
as regras do xogo.
Ou, seica a Peter Mertens
non lle parecen “sexy” teatros ateigados de clase obreira gozando de obras en
que se senten representados? Pois iso é consecuencia da ditadura do
proletariado. Así se chama, así se escribe e por ela loita o comunismo
consecuente.
Notas:
1. Ligazón á entrevista orixinal, mais non
dispoñíbel para non subscritores, aquí. A entrevista foi reproducida na web do PTB aquí, mais deberon cambiar o enderezo porque agora
non aparece. Traducida ao inglés témola, por exemplo, aquí.
2. No extenso obituario que o PTB
publicou verbo da morte de Ludo Martens, curiosamente non se menciona esta
obra. No seu día, Estoutras xa subliñaba este dato na nova que publicou.
Podedes lela aquí.
3. Na
excelente páxina Para a História do Socialismo, xusto a última
ligazón da lista Biblioteca, podedes atopar este libro.
4. Crítica
ao Partido do Traballo de Bélxica por parte do Bloque Marxista-Leninista. Traducida para o galego por Estoutras, podes lela aquí.
Nenhum comentário:
Postar um comentário