Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

12 de maio de 2013

Entrevista a Kimetz


«Nestes momentos, a única estrutura política en forma de organización de clase, nacional e patriótica que mantén a bandeira da revolución, o socialismo e a independencia é Kimetz.»
 [Entrevista realizada por Aurrera Langileria]

Aurrera Langileria: Egunon Kimetz Kolektiboa. Presentádevos como organización comunista. Como definiriades a vosa razón de ser?

Kimetz Kolektiboa: Kimetz naceu no ano 2000, concretamente o 31 de decembro de 1999. Diversos militantes adscritos á concepción marxista desta nación constataban a necesidade dunha organización independente da clase obreira que liderase, organizase, unificase e dirixise todas as loitas nunha mesma dirección, a revolución social no contexto de Euskal Herria. Desde ese momento, o noso labor máis importante foi traballar na creación do partido comunista da clase obreira vasca.
Os acontecementos desde esa data non fixeron outra cousa que ratificaren o acertado da nosa análise. A falla de unificación, organización e dirección en todo o proceso de loita contra o ataque da oligarquía desde a crise do ano 2008, veu reafirmar as nosas análises, mostrando a ineficacia da loita reformista polas migallas e a necesidade de crear estruturas obreiras que posibiliten o avanzo de todo o proceso político vasco cara a revolución, o socialismo e a independencia.

A crise do MLNV, que implicou a posterior claudicación da Esquerda Abertzale, plenamente integrada nas estruturas institucionais, e a súa renuncia a se saír do marco legal imposto pola reforma franquista, deixou orfa á clase obreira vasca. A inexistencia dun partido ou organización de revolucionarios homoxénea, de cadros e de vangarda que exerza o liderado, permitiu a actual crise de principios no interior do MLNV e a falla de perspectiva do movemento obreiro en xeral. A nosa intención é ocuparmos ese espazo político e acumularmos forzas de vangarda cara a creación do partido obreiro de novo tipo.

No entanto, isto non é posíbel dun día para outro, e sabemos que todo o proceso vai ser longo e difícil. A desaparición da maior parte do campo socialista, xunto coa conformación en bloques que se sucede a nivel internacional, situou a clase obreira nunha situación sumamente complicada. En Euskal Herria a saída desta crise só é posíbel desde posición revolucionarias. O falso pacifismo, o parlamentarismo, o reformismo e o revisionismo deixan impedida á clase obreira a nivel ideolóxico e práctico.

A. L. Entendemos que faredes uso da ciencia política do marxismo-leninismo nas vosas análises e no voso traballo organizativo entre os traballadores. Cais son os vosos referentes máis importantes? E cais son as ideoloxías que máis dano fan á causa da construción do socialismo?

K: A nosa organización defínese como comunista e, máis concretamente, como marxista-leninista. Isto que significa? Que asumimos a doutrina de Marx como a única verdadeira por nos proporcionar unha guía para a acción, un método de análise da realidade desde a existencia de procesos históricos e desde o recoñecemento do socialismo científico como maneira de abordarmos o coñecemento desa mesma realidade. Os tres eixes fundamentais sobre os que descansa a nosa ideoloxía son o materialismo histórico, o materialismo dialéctico e a economía política que conforman o que se coñece como o socialismo científico, todo isto co fin último de que a clase obreira conquiste o poder e constrúa para si propia o Estado socialista vasco.

Entendemos que a análise de Marx e Engels da sociedade capitalista só foi completado por Lenin coa súa definición da época do imperialismo e a súa pedagóxica explicación do Estado moderno, como última fase do capitalismo ou capitalismo monopolista de Estado. Así como a clara e fundamentada denuncia do revisionismo, onde tamén se explica a necesidade do partido obreiro revolucionario de novo tipo. Isto é polo que nos definimos marxistas e leninistas.

 Isto non significa que non contemplemos outros grandes comunistas que, sen superaren a doutrina de Marx e Engels, tamén achegaron o seu gran de area ao desenvolvemento do marxismo-leninismo. Argala, Txabi ou Pertur son os elementos máis avanzados dentro do marxismo vasco coas sáus achegas verbo do partido obreiro independente no seo da fronte, a cuestión nacional vasca e a definición e necesidades desa propia fronte que máis tarde se chamaría Herri Batasuna.

Stalin ou Ernesto “Che” Guevara son autores en que estudamos cuestións tan importantes como o desenvolvemento e a construción do socialismo, a cuestión nacional e o internacionalismo. Alekandra Kollontai ou Clara Zetkin son referencias no ámbito dos dereitos da muller. En definitiva, nutrímonos dos clásicos do marxismo para a nosa formación, análise e guía para a acción.

Hoxe temos infinidade de problemas no seo da clase obreira vasca. Temos de comprender que a clase obreira vasca non é un elemento homoxéneo e que no seu seo coexisten diferentes graos de organización e ideoloxía. Desde hai unhas décadas, campan ao doután diversas correntes ideolóxicas no interior do movemento obreiro vasco. Por unha parte, o reformismo, que se encarga de tentar enganar a clase obreira declarando as supostas bondades do Estado burgués, e pola outra parte, o revisionismo que fai do marxismo algo alleo ás intereses que son propios á clase obreira. Ambas as dúas correntes cooperan teimosamente en despoxaren o marxismo dos seus principios revolucionarios e independentes, buscar afastar a clase obreira da súa loita de clase.

Profesionais da pluma e a palabra falan do marxismo negando o seu corpo ideolóxico. Falan de revolución sen falaren da conquista do poder, da organización independente da clase obreira ou da propiedade dos medios de produción que permitirán o desenvolvemento e construción do socialismo en Euskal Herria. Afirman que desexan a liberdade para o proletariado vasco ao tempo que o atan ás institucións burguesas e á pequena burguesía. Nomean o socialismo despoxándoo da ditadura do proletariado, sen explicaren como van rematar coas clases sociais.

Tanto o socialismo nacional ou identitario, como o socialismo do século XXI, teorías ocas e baleiras de contido, que os seus propios creadores tiveron de aceptar que estaban por definir e desenvolver, ocupan o piar ideolóxico en numerosas organizacións na nosa nación. Estas teorías son aceptadas sen achegar nada novo e sen definir nin desenvolver nada. Acéptase sen problemas algo sen concretas, mentres que se rexeita o probado xa pola historia. Vellas teorías que resucitan diante da debilidade en que se atopa o movemento obreiro.

Outras organizacións, como EHK, que se chaman comunista, eivaron no curso da súa existencia a creación da organización independente do proletariado vasco, ao tempo que renegan da linguaxe e do vocabulario marxista, facéndolle o traballo sucio á pequena burguesía.

Hainos que, denominándose comunistas, non traballan por nada práctico. Estes tamén conforman a familia comunista. Non só a crítica é necesaria, senón que a construción dunha alternativa é primordial neste momento, e sen a cal será imposíbel saírmos da situación actual e conseguirmos que o proletariado vasco acade a vitoria.

Outros chaman á unidade de diversos sectores, segundo eles, revolucionarios, sen máis criterio que o dun denominado anticapitalismo, a renunciaren a análise científica da sociedade. Para eles, é o mesmo proletariado, clase obreira que pobo traballador, e negan e/ou confunden o papel de vangarda ou forza motriz do proletariado vasco.

Todo vale nunha época de confusión como a actual en que o oportunismo camiña á vontade, confundindo e desorganizando a clase obreira e realizando o labor de zapa da burguesía.

A nosa organización condena da maneira máis rotunda estas ideoloxías que atrasan a inevitábel organización da clase obreira vasca en torno a estruturas propias e independentes.

A. L.: Sendo un colectivo que traballa pola construción do Estado Socialista Vascos, imaxinamos que estades dentro do espectro ideolóxico da esquerda abertzale. Cal é a vosa opinión da posición política dos últimos anos das organizacións hexemónicas no MLNV?

K.: Non se respectaron as acertadas análises marxistas do ano 1976, tanto de Argala como de Pertur, onde se definía a necesidade dun partido independente do proletariado, de vangarda, homoxéneo, de cadros e semiclandestino, que mantivese e soubese dirixir o movemento de liberación desde posicións revolucionarias, sen caer nin no militarismo nin na integración nas estruturas do Estado. Isto supón unha claudicación ideolóxica para este pobo.

É evidente que desde hai uns anos, o MLNV e as organizacións no seu seo están en crise e que iso levou á Esquerda Abertzale oficial a renunciar ás posicións clásicas representadas polo lema Independencia e Socialismo. A nosa lectura é clara e vai desde os anos 80 até o momento actual. Sen nos definirmos como defensores incondicionais de HASI, si que entendemos que ese partido cumpría un papel no seo da Unidade Popular. Un papel de representante ideolóxico do proletariado vasco, cos seus erros e acertos, mais que realmente exercía unha presión desde a esquerda no seo de Herri Batasuna.

Ao desaparecer HASI, e coa queda do campo socialista, a socialdemocracia desenvolveuse sen oposición no seo da Unidade Popular, o que posibilitou o afastamento da fronte política da organización armada, por unha parte, e o deterioro ideolóxico, por outra, o que provocou finalmente a ruptura e a integración nas estruturas institucionais burguesas. De todos os xeitos, non podemos culpar de todo á pequena burguesía, xa que non fixo outra cousa que a súa tarefa habitual historicamente falando. O maior peso da culpa recae evidentemente naqueles que, a se denominaren marxistas, claudicaron fronte a esa pequena burguesía, abríndolles todas as portas.

Por suposto, todo isto está moi resumido e existen moitos matices sobre como se resolveu o proceso. Secasí, o que para nós é innegábel, é que a propia existencia do MLNV certifica a dobre vertente da revolución vasca, unha de revolución social e outra, subordinada a esta mais nunca deixando a un lado, de liberación nacional. Entendemos que o afastamento desta análise é o que provocou a situación que coñecemos como proceso Zutik Euskal Herria!, que finalizou coa Declaración de Aiete, en que se plasma claramente, e da man dos representantes do imperialismo internacional, a finalización da etapa de confrontación co Estado e a súa bendición á integración da Esquerda Abertzale no selecto club das organizacións do sistema.

A. L.: Diante do panorama de crise capitalista e loitas inter-imperialistas que se lle presenta ao proletariado internacional, cais pensades que van ser os retos dos pobo traballador vasco nos vindeiros anos e cais van ser as vosas posicións e o voso traballo?

K.: Por unha parte, está o feito de que non é posíbel saber exactamente como se vai ir conformando a correlación de forzas nos próximos anos nas pugnas inter-imperialistas, malia sabermos algunhas cousas. Sabemos que os EUA e os seus aliados tradicionais, Canada, Xapón e Gran Bretaña, tentan manter a hexemonía dos recursos naturais no Medio Oriente, ao tempo que tentan controlar desesperadamente o seu patio traseiro do centro e sur de América. Non son casuais os rápidos golpes de estado en Honduras e Paraguai, xunto coa recente coroación dun Papa latinoamericano por vez primeira na historia.  Tampouco é casual que nos últimos doce anos invadiran Iraq, Afganistán, Libia e, agora, vaian a por Siria, no camiño de illar Irán do teatro estratéxico local. A agresión contra a independente República Popular Democrática de Corea, que vista posta na China, é outro dos pasos nesta escalada dos EUA por manter a súa hexemonía fortalecendo o seu socio xaponés. O imperialismo sempre ataca a quen decide un desenvolvemento independente e sen tutelas. Para alén, temos o continente africano, onde combaten entre elas as potencias imperialistas.

Por outra parte, están Rusia, China e algúns aliados que tentan loitar polos recursos en África, Sudamérica e Asia, no medio dunha soterrada guerra comercial e diplomática. Mentres algúns países son pasto da competencia imperialista, certas estruturas como a Europa do capital están claramente ameazadas. Non existe lealdade nun mundo con intereses enfrontados.

A nosa conclusión neste sentido é que a crise que estamos padecendo é o preludio dunha guerra inter-imperialista aberta de rapina polos recursos e mercados. A respecto da pregunta formulada, entendemos que será determinante nos vindeiros anos a posición do Estado español e do Estado francés dentro dese desenvolvemento dos bloques en confrontación, o que fará que a revolución vasca sexa dunha ou doutra maneira. A nosa posición política, ao igual que todo marxista, é que cómpre convertermos a guerra de rapina inter-imperialista en guerra civil revolucionaria, destruíndo así a voracidade do capital. Cando a guerra estoupar, será vital as palabras de orde Proletarios de todos os países, unídevos, xa que a burguesía concentrará as súas forzas en desunir a clase obreira internacional e, por suposto, contará cos seus axentes no interior do movemento obreiro que buscaran agochar o verdadeiro carácter reaccionario da guerra. A paz é un desexo da clase obreira internacional, mais é necesario comprendermos que non haberá paz no mundo mentres a opresión existir. Diante deste panorama, vemos con urxencia a creación dunha organización independente da clase obreira vasca que posibilite traballarmos pola saída revolucionaria ao socialismo para o proletariado vasco.

A. L.: Que lles diriades aos traballadores e asalariados en xeral que teñen unha opinión negativa do marxismo-leninismo? Cal pensades que ten que ser o proceder dos comunistas diante das eivas que produce a alienación capitalista na clase obreira?

K.: Unha das tácticas fundamentais do imperialismo é a alienación e a confusión da clase obreira co obxectivo de manter a paz social. Non é casual que exista o bipartidismo en países tan diferentes como Noruega ou Euskal Herria, nin é casual tampouco o fenómeno, común a todos os países imperialistas, da aristocracia obreira, que nutre os partidos socialdemócratas dunha base social sustentada nos privilexios salariais e nun estado asistencial.

O que sucedes é que a propia crise puxo de manifesto a necesidade de acabar con gran parte da aristocracia obreira e con ese estado asistencial, e isto vai provocar o medre do movemento revolucionario. Ademais, é evidente que traballadores e traballadoras que até hai un tempo semellaban indiferentes a todo discurso revolucionario, poden estar entre os máis conscientes poucas semanas despois. Por tanto, non se trata do que lles temos que dicir aos que desconfían do comunismo, mais de como desenvolvermos unha liña política e a súa aplicación práctica. Os traballadores deben aprender a ver os intereses das clases detrás de cada acto e cada palabra.

É importante que a consciencia de clase calle en numerosos obreiros e obreiras, mais sabemos que non se pode pedir ao conxunto da clase obreira unha completa consciencia do seu papel na loita de clases. A consciencia completa só se lle debe exixir á militancia máis avanzada. Esa consciencia superior debe estar representada pola organización independente do proletariado, e así situarse na cabeza, e non na cola, de toda loita obreira. E para ir á cabeza das masas, defendemos que é necesario asimilarmos o socialismo científico da nosa época, o marxismo-leninismo.

Entendemos que do traballo práctico en constante loita e denuncia do revisionismo, e do estudo constante da realidade, xurdirá a organización que exerza o liderado do Movemento Revolucionario de Liberación Vasco. A participación ou non da clase obreira, tanto se actualmente confían ou desconfían do comunismo, vai estar fortemente influenciada polo traballo práctico que se realice no seu seo, dunha liña correcta canto á explotación e a cuestión nacional e da implicación dos militantes nos problemas concretos, ademais da loita ombro con ombro, e sempre á cabeza, transmitindo e ensinando desde o exemplo. Para sermos máis claros, o desenvolvemento do proceso revolucionario só será posíbel se nese camiño os militantes máis avanzados ocuparen as primeiras liñas na loita.

A. L.: E que diriades ou recomendariades a toda a xente moza (ou non tan moza) que, tendo ganas de aprender a teoría e práctica revolucionaria marxista-leninista, e diante da destrución das organización combativas que foran referencia, non saben que facer ou onde ir? E aos atrapados polos reformistas sen seren conscientes diso?

K.: Nós sempre manifestamos a nosa opinión a respecto da militancia comprometida. Non confiamos na liña das organizacións que non fan unha análise da cuestión nacional desde a existencia de dous Estados e desde a necesidade de abordar esta cuestión tamén a nivel organizativo, porque entendemos que a solución para unha nación dividida entre dous Estados non pode quedar na federación ou confederación sen abordar o problema no seu conxunto. Un xenérico e abstracto dereito de autodeterminación, a exercer non se sabe exactamente nin cando nin onde, ou a independencia sen abordar o feito da existencia das clases sociais e a explotación capitalista, non soluciona nada no camiño da emancipación da clase obreira vasca.


Xa que logo, entendemos que quen queira abordar o estudo e a creación da organización de clase en Euskal Herria debe formularse seriamente a posibilidade de se integrar na nosa organización, ou organizarse e crear estreitos lazos ideolóxicos e de loita connosco, co obxectivo de avanzarmos cara a construción do partido. Non podemos postergar máis tempo a necesidade de construírmos a organización independente do proletariado vasco. Todo o tempo que se perda é tempo entregado ao inimigo de clase, tempo que o aproveitan os nosos adversarios para continuaren co seu dominio e confundiren máis aínda á clase obreira. Nestes momentos, a única estrutura política en forma de organización de clase, nacional e patriótica que mantén a bandeira da revolución, o socialismo e a independencia é Kimetz.

Nenhum comentário:

Postar um comentário