Stephen Gowans
A idea de que o
levantamento contra o Goberno sirio está inspirado nun movemento sedento dun
Estado plural e democrático é unha ficción. Os dirixentes da oposición son
islamitas que buscan estabelecer un Estado islámico sunita en troca do actual
goberno sirio ao que insultan por secular e estar dominado por herexes
alauítas. «Grupos ligados a Al Qaeda... controlan as filas rebeldes», sinala The Wall Street Journal.[1] «Existe
frustración pola incapacidade occidental para axudar a fomentar unha oposición,
política ou militar, de carácter secular para substituír Assad», comenta The New York Times.[2] «As forzas
islamitas semellan estar crecendo dentro da oposición», subliña Gerald F.
Seib.[3]
De facto, case desde o
primeiro momento do último xermolo de descontento islamita na siria, o Goberno
dixo que, «mentres algúns que protestan teñen queixas lexítimas, a insurrección
está conducida por militantes islamitas con apoio estranxeiro».[4] Non é un
segredo que Arabia Saudita e Qatar –monarquías que abominan democracia-
fornecen con armas aos islamitas, mentres Turquía, Xordania, Israel, Franza,
Inglaterra e os Estados Unidos tamén están prestando apoio.
A historia poscolonial siria está marcada por
levantamentos islamitas. A Irmandade Musulmá organizou disturbios contra o
Goberno en 1964, 1965, 1967 e 1969. Chamou á Xihad contra o presidente Hafiz
al-Assad, o pai do actual presidente, denigrándoo como «o inimigo de Alá». En
1977, os mujahidin levan a cabo unha
guerra de guerrillas contra o exército sirio e os seus colaboradores
soviéticos, culminando en 1982 coa ocupación da cidade de Hama. O exército
sirio sufocou a rebelión, matando entre 20.000 e 30.000. Os islamitas sempre
foron unha fonte permanente de inestabilidade na Siria, e o Goberno actuou
nestes anos como salvagarda fronte ao «rexurdimento dos fundamentalistas sunnitas».[5]
Este novo levantamento, desencadeado polos sucesos dos países veciños, levou a
Glen E. Robinson a escribir en Current
History que a rebelión era unha continuación da «longa guerra civil na
Siria».[6]
No entanto, os medios
occidentais, a se faceren eco das antigas potencias coloniais e dos altos
funcionarios de Washington, chamarana doutra forma: un levantamento popular e
comunitario contra un brutal ditador. Hogano, porén, o torrente de vídeos en Youtube en que terroristas islámicos
relatan as súas matanzas de prisioneiros de guerra, evisceracións de soldados
capturados e churrascadas a base de cabezas, luxou en exceso a narrativa. Xa
non é posíbel vernizar a rebelión como unha insurrección popular contra a
ditadura. Agora, inclusive o The Wall
Street Journal e o The New York Times
comparten a opinión de Assad.
Así e todo, os
maquilladores propagandísticos non roen o chito. Insisten en que, a despeito de
que a rebelión pode que estea controlada por fanáticos relixiosas amigos do
terrorismo, non sempre foi así. Comezou, din, en forma de demandas pacíficas de
democracia que foron secuestradas polos yihadistas
só despois de que o Goberno utilizara a forza bruta para esmagar o movemento de
protesta. Foi nese momento cando os manifestantes se viron na obriga de tomaren
as armas para defenderse.
Esta visión é
deshonesta. Para empezar, esquece a realidade de que a rebelión está
dominada polos islamitas aos que, non só non lles importa un patacón a
democracia, senón que son hostís inimigos dela. É máis, ocúltase o feito de que
o Goberno de Assad fixo importantes concesións encamiñadas a construír o tipo
de sociedade plural e democrática que os rebeldes din querer. Os rebeldes
rexeitaron estas concesións, o que demostra que as orixes da rebelión hai que
buscalas nas ambicións islamitas, non democráticas.
Como resposta ás
demandas dos manifestantes, Damasco fixo unha serie de concesións que non eran
nin superficiais nin parciais.
Primeiro, cancelaron as
limitacións de liberdades civís autorizadas pola lei de emerxencia. Esta lei,
invocada por ser Siria un país tecnicamente en guerra con Israel, outorgou os
poderes necesarios a Damasco para salvagardar a seguridade do Estado en tempo
de guerra, unha medida común nos países en guerra. A moitos sirios, emporiso,
amoláballes a lei, considerándoa demasiado restritiva. Por mor da presión
popular, o Goberno levantou as medidas de seguridade.
Segundo, o Goberno
propuxo unha nova constitución para recoller a demanda dos manifestantes de
despoxar o Partido Baaz do seu estatus especial que lle confería un papel de
liderado na sociedade siria. Para alén,
a presidencia estaría aberta a calquera que reunira uns requisitos básicos de
residencia, idade e cidadanía. As eleccións presidenciais celebraríanse por
votación secreta cada sete anos por medio de sufraxio universal.
Aí estaba a democracia
multipartidista que a oposición reclamaba. Un movemento de protesta sedento de
maior democracia e pluralismo podería aceptar a oferta e ver as súas
aspiracións cumpridas. A Constitución foi sometida a referendo e aprobada.
Celebráronse novas eleccións multipartidistas. As eleccións presidencias con
varios candidatos fixáronse para 2014. Un nova amencer democrático chegara. Os
rebeldes poderían depoñer as armas e festexar a súa vitoria.
Ou, cando menos, iso
cabería esperar. No entanto, os rebeldes intensificaron a súa guerra contra
Damasco e rexeitaron as reformas, explicando que chegaran con demora. Demora?
Convértese a democracia plural en cabaza se non chega antes de que o reloxo
marque as doce? Washington, Londres e París tamén desestimaron as concesións de
Assad. «Non tiñan sentido», dixeron, sen explicar por que.[7] Porén, as
reformas eran as exixidas polos rebeldes e Occidente. Como podía ser que non
tivesen sentido? Aos demócratas, eses que buscan unha solución pacífica ao
conflito, e ao Goberno de Assad non se lles podía reprochar a súa afirmación de
que «a democracia non é a forza motriz da rebelión».[8]
Abundando nese tema, o
presidente sirio sinalou:
«Nun principio
aparentaban ser demandas de reformas. Querían facer crer que a crise era unha
cuestión de reformas políticas. De facto, levamos a cabo unha política de
reformas a gran escala, desde cambios na Constitución a cambios na lexislación,
incluíndo o cese do estado da lei de emerxencia, e puxemos en marcha un diálogo
nacional con todos os grupos políticos da oposición. Foi sorprendente que con
cada paso que dabamos no proceso de reformas, o nivel do terrorismo medraba».[9]
Desde a perspectiva de
Washington, a nova Constitución abría espazos para os partidos políticos
alternativos. Washington podería aproveitar esta nova situación para gañar
influencia na Siria a través dos partidos proestadounidenses.
Do punto de vista dos
islamitas, secasí, só houbo aspectos negativos. En primeiro lugar, a
Constitución era secular, non se baseaba no Islam. En segundo lugar, promulgaba
a prohibición dos partidos ou movementos políticos inspirados pola relixión, as
seitas ou as tribos, e tamen sobre o xénero, orixe, raza e color.
Efectivamente, isto prohibía calquera partido que tivese como obxectivo o
estabelecemento dun Estado islámico.
Para Washington,
Londres, París e Tel Aviv tamén había aspectos negativos.
Primeiro, o prefacio da
Constitución definía Siria como «o corazón palpitante do Arabismo», e «o muro
de contención contra o inimigo sionista e a pedra chave da resistencia contra a
hexemonía colonial sobre o mundo árabe e as súas riquezas». Isto non cadraba co
desexo de Washington de converter Siria nun “socio de paz” de Israel, e ía
contra o proxecto occidental de estender tentáculos coloniais no mundo árabe.
Segundo, a Constitución
formalizaba a orientación política da Siria baazista. En palabras de Assad,
«Siria é un estado independente que traballa polos intereses do seu pobo, en
troca de facer que o pobo sirio traballe para os intereses occidentais».[10] Por
tanto, a Constitución estabelecía que importantes sectores da economía siria se
manterían públicos, en beneficios de todos os sirios. A continuación, había que
deter o espolio que para o país constituían os beneficios que as empresas
occidentais conseguían en sectores clave da economía siria, unha perspectiva
nada alentadora para os intereses financeiros de Wall Street, quen toma as decisións
en Washington.
O baazismo socialista
irrita desde hai moito tempo a Washington. O Estado baazista sempre exerceu
unha influencia considerábel sobre a economía siria, mediante un forte sector público,
subsidios ás empresas privadas de capital nacional, límites ao investimento
estranxeiro e restricións ás importacións. Estas son as ferramentas económicas
necesarias dun Estado poscolonial que tenta liberarse das gadoupas das antigas
potencias coloniais e busca un desenvolvemento libre da dominacións dos
intereses estranxeiros.
Os obxectivos de
Washington, evidentemente, son opostos. Non queren que Siria desenvolva a súa
industria e protexa a súa independencia, senón que sirva aos intereses dos
banqueiros e grandes inversores dos Estados Unidos proporcionando man de obra
barata para a súa explotación e cedendo a propiedade da terra e dos recursos
naturais.
Xa antes da redacción da
nova Constitución, o Departamento de Estado dos EUA manifestou o seu desagrado
co feito de que Siria «deixara de participar nunha economía mundial cada vez máis
interconectada», é dicir, de que non entregara as súas empresas públicas a
inversores privados. O Departamento de Estado tamén se queixou de que foran «razóns
ideolóxicas» as que imposibilitaron que Assad liberase a economía siria, que «aínda
non se privatizaran as empresas públicas» e que a economía «sega estando moi
controlada polo Goberno».[11]
Tan só tiña Assad que pór
fin ao control público da economía, que tanto irrita ao Departamento de Estado,
para calmar as demandas de Wall Street. En troca, fixo todo o contrario. A nova
Constitución estabeleceu que o Goberno mantería o control da economía a prol
dos intereses da Siria e non ao servizo dos bancos occidentais, as compañías
petroleiras e outras corporacións. Desde logo isto foi unha labazada na face de
Washington.
O pecado agrávase coa
inclusión na Constitución de certos dereitos: atención pública ante a enfermidade,
discapacidade e vellez; sanidade e educación, en todos os niveis, gratuítas. Para
empeorar as cousas, a Constitución declara que «os impostos deben ser
progresivos».
Por último, a nova
Constitución deu un paso cara á verdadeira e xenuína democracia –algo que os
que toman as decisións en Washington, coas súas múltiplas conexións coa banca e
as empresas, dificilmente podían tolerar- incluíndo unha disposición que exixe,
como mínimo, que a metade dos membros da Asemblea Popular deben pertencer á
clase obreira ou ao campesiñado.
Estas son as verdadeiras
razóns polas que Washington, Londres e París rexeitaron as concesións de Assad.
Non era que non foran auténticas. Era que se fixeron ás persoas equivocadas:
aos sirios, no canto de Wall Street; aos árabes, no canto de Israel. E tampouco
era que as reformas non foran abondo democráticas. Eran demasiado democráticas:
estaban centradas na protección e promocións dos intereses dos sirios, no canto
de promover os intereses de Wall Street, Washington e Tel Aviv.
A Constitución siria
clarifica a orientación dos baazistas sirios e evidencia as razóns polas que o
Goberno da Siria debe ser apoiado na súa loita contra os rebeldes islamitas financiados
desde o estranxeiro. En resume, porque é progresista, e as forzas atacantes son
retrógradas. O Goberno sirio é pro Palestina, antisionista, anticolonialistas e
antiimperialista. Está comprometido co laicismo, coa propiedade públicas dos
sectores estratéxicos da economía e loita contra o sectarismo. Estes son os
valores que tradicionalmente defendeu a esquerda. De o Goberno sirio caer, é
case seguro que se imporía un réxime monicreque dos EUA que implantaría en
Damasco unha política exterior proestadounidense, que abandonaría os
palestinos, que capitularía ante Israel e que estaría ao servizo dos inversores
e empresas occidentais. A esquerda, consecuentemente, sufriría un enorme golpe
e outro país, defensor da liberación nacional, sería esmagado pola apisoadora
do imperialismo estadounidense.
Notas:
1. Adam Entous, “White House readies new aid for Syrian rebels”, The Wall Street Journal, 10 de abril de
2013.
2. Anne Barnard, “Syria campaigns to persuade U.S. to change sides”, The New York Times, 24 de abril de 2013.
3. Gerald F. Seib, “The risks holding back
Obama on Syria”, The Wall Street Journal,
6 de maio de 2013.
4. Anthony Shadid, “Assad says he rejects West’s call to resign”, The New York Times, 21 de agosto de 2011.
5. US Library of Congress. A Country Study: Syria. http://lcweb2.loc.gov/frd/cs/sytoc.html
6. Decembro de 2012.
6. Decembro de 2012.
7. David M. Herszenhorn, “For Syria, Reliant on Russia for weapons and
food, old bonds run deep”, The New York
Times, 18 de febreiro de 2012.
8. Zeina Karam, “In rare public appearance, Syrian president denies
role in Houla massacre”, The Associated
Press, 3 de xuño de 2012.
Nenhum comentário:
Postar um comentário