Tanto
ten que esteas na Herriko de Hernani a ler o Gara, no Club Taurino de Plasencia (de existir) absorto nas páxinas
de La Gaceta, ou na barra do
Chimarrão de Ferrol folleando La Voz.
Diante do televexo éche o mesmo tamén sintonizar a TVG, a Sexta ou calquera das
canles rococó-falanxistas da TDT. Cando da Siria se tratar, na autoestrada da
información raro é atoparmos alguén que circule en dirección contraria á
oficial. Non é casula que estes poucos condutores kamikazes haxa que buscalos, nas máis das veces, en modestos
proxectos informativos afincados en coordenadas comunistas.
Hai
uns días as empresas de comunicación facían soar as trompetas para anunciaren
ao mundo que a ONU levantaba o veto á entrega de armas á “oposición siria
moderada”. E dicíano así, sen botaren a gargallada e sen sinal de vergonza.
Difícil condensar tanta mentira nunha soa frase:
- Armamento: Seica alguén pode crer que até agora non recibiran armas? E non só armas, tamén adestramento, soldados e asesoramento militar sobre o terreo. Se até prenderon non hai moito varios militares do exército sionista!
- Oposición siria: Entre os miles de combatentes mercenarios feitos prisioneiros ou eliminados hai españois, franceses, ingleses, belgas, holandeses, alemáns, turcos, qatarís, sauditas... O complicado é dar con sirios.
- Oposición siria moderada: Aquelas persoas que nun principio protestaban demandando reformas, vai boa que teñen unha preocupación moito maior, salvaren a vida. Algunhas estarán na casa cruzando os dedos para que uns tipos saídos do medievo non tiren a porta abaixo e maten toda a familia ao berro de Allah Akbar! Outras, as máis afoutas, ingresarían nalgunha das múltiplas milicias populares que enfrontan o feudalismo. Que unha cousa é exixir máis transparencia e outra ben distinta loitar por un Estado islámico ao servizo da oligarquía mundial.
Para cando algo remotamente semellante para Palestina,
espremida pola apartheid sionista, ou para o Pobo Saharauí, condenado á miseria
pola monarquía alauíta? A hipocrisía desta institución dominada polos peores
criminais non ten límites. Os poderosos queren os recursos sirios e, sobre
todo, acabar cun estorbo para os seus
plans na rexión. Por agora, só as contradicións interimperialistas e a determinación
das forzas patrióticas están salvando Siria. Mais, até cando?
Nenhum comentário:
Postar um comentário