Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

1 de maio de 2013

Primeiro de Maio: Organización e Loita




Kimetz Kolektiboa

Achégase o Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo. Este é o noso día, o día sinalado onde os obreiros e obreiras de todos os países conmemoran o seu espertar a unha vida con consciencia de clase, a súa solidariedade na loita contra toda opresión, na loita por liberar millóns de traballadores da fame, miseria e humillación. Dous mundos érguense face a face: o mundo do capital e o do traballo; o mundo da explotación e a escravitude, e o da fraternidade e a liberdade. Loita entre un feixe de ricos parasitos que fixeron do Goberno e o exército os seus criados, contra millóns de traballadores e traballadoras, obrigados e obrigadas a suplicaren aos ricos o permiso de traballares para eles. Que ademais crean co seu traballo toda a riqueza, mentres teñen de loitar toda a vida para se faceren cunha vivenda que se encontra nas mans dos especuladores e dos bancos.

O movemento obreiro leva décadas sumido no máis absoluto fracaso e sufrindo grandes retrocesos nos seus dereitos adquiridos historicamente. Agás honrosas excepcións, profesa unha fe e subordinación cega na legalidade que impuxo a burguesía. Unha legalidade creada para continuar co dominio e extraer o froito do traballo obreiro. Esa e non outra é a grande vitoria dos ricos, lograr que o Pobo Traballadores acepte disputar o partido da loita de clases nun campo imposto, costa arriba e co árbitro comprado. Para poder chegar a esta situación, a burguesía necesitou da inestimábel axuda dunha parte da clase obreira (sindicatos e partidos) integrada nas institucións burguesas. O Primeiro de Maio non é alleo a todo isto, desgraciadamente xa é costume celebrar o Primeiro de Maio como un día festivo en troca dun día de loita, como un día en que se respecta por parte do movemento obreiro a legalidade do inimigo, convertendo o Primeiro de Maio nun día de subordinación. Non resulta unha barbaridade afirmarmos que o Primeiro de Maio como día de orgullo do proletariado deixou de existir, deixouse perder.

Cómpre recuperarmos o Primeiro de Maio como unha xornada de loita para a clase obreira. É necesario crear organizacións para desenvolvermos a loita proletaria. É necesario acabarmos coas mobilizacións enfocadas á prensa e comezarmos a confrontación co inimigo de clase, armando a clase obreira de razóns e de peso político nas loitas. A legalidade burguesa conduce as loitas á paz social, por tanto, non ten sentido continuarmos nese camiño.

O sistema capitalista está podre de pés a cabeza, e as súas institucións e leis son a garantía de que a corrupción e a explotación sexan a normalidade absoluta. A subordinación das clases traballadoras, explotadas e oprimidas, é unha arma nas mans da clase explotadora. Só loitando día a día, pobo a pobo e centro de traballo a centro de traballo por unha legalidade obreira, poderemos acabar coa situación que padecemos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário