Asociado ao desenvolvemento do capitalismo na
Rusia da segunda metade do século XIX, especialmente nas dúas últimas décadas,
prodúcese un auxe do movemento obreiro e das súas loitas, limitadas estas ás reivindicacións
económicas. Asemade, as ideas marxistas callan rápido entre os sectores
progresistas da mocidade intelectual rusa.
Os socialistas da época, nomeadamente Lenin,
comprenden que é necesario unir eses dous mundos afastados até o memento para
que o movemento obreiro poida transformar as súas loitas económicas,
caracterizadas polo espontaneismo, en loitas políticas de maior calado. Quere
dicir, transformarse en movemento consciente de loita contra o tsarismo e polo
socialismo. E nesta transformación, estes intelectuais marxistas cumprirían o
papel de estadas ideolóxicas. No seu Que
facer?, o de Simbirsk explícao con precisión:
Estas folgas era loita tradeunionista, non eran loita socialdemócrata; sinalaban o espertar do antagonismo entre os obreiros e os patróns, mais os obreiros non tiñan, nin podían ter, a consciencia da oposición irreconciliábel entre os seus intereses e todo o réxime político e social contemporáneo, é dicir, non tiñan consciencia socialdemócrata. [...] Esta só podía ser introducida desde fóra. A historia de todos os países testemuña que a clase obreira, exclusivamente coas súas propias forzas, só está en condicións de elaborar unha consciencia tradeunionista, quere dicir, a convicción de que é necesario agruparse en sindicatos, loitar contra os patróns, reclamar do goberno a promulgación de esas ou aquelas leis necesarios para os obreiros, etc. En troca, a doutrina do socialismo xurdiu de representantes instruídos das clases posuidoras, polos intelectuais. Os propios fundadores do socialismo científico, Marx e Engels, pertencían pola súa posición social aos intelectuais burgueses. Do mesmo xeito, a doutrina teórica da socialdemocracia xurdiu na Rusia independentemente do ascenso espontáneo do movemento obreiro, xurdiu como resultado natural e inevitábel do desenvolvemento do pensamento entre os intelectuais revolucionarios socialistas.
Para conseguir isto, Lenin sabía que era
necesario unir todos os dispersos círculos marxistas nunha soa organización, e
fundir esta co movemento obreiro, comezando a loita ideolóxica contra o
populismo e o chamado marxismo legal, tamén coñecido este último como Struvismo, polo nome do seu principal representante, Piotr Struve. Xa en 1894, Lenin, após estabelecer
vínculos cos traballadores revolucionarios como Baboshkin, Zinovirv, Kniazev ou
Shelgonov, organiza pequenos grupos de axitadores que realizan acción propagandísticas
entre as masas obreiras. Por exemplo, distribúen follas de axitación nas folgas
que teñen lugar a finais de 1894 na fábrica de Semiannikov, e pouco despois, en
febreiro de 1895, no porto de San Petersburgo.
Concentrando o seu labor organizativo na
cidade de San Petersburgo, pronto é capaz de unir distintos núcleos marxistas
onde participan socialista como Vaneev, Zaporozhets, Krzhizhavoskii, Radchenko,
Silvin, Starkov ou Malchenko. Así, no outono de 1895, nace en San Petersburgo a
Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Fortemente disciplinada e
guiada polos principios do centralismo democrático, contaba cun Grupo Central,
a xeito dos comités centrais dos partidos comunistas posteriores, dirixido por
Lenin. Para alén dos socialistas xa citados, deste Grupo Central tamén facían
parte Krupskaia, Z. P. Nevzorov, S. P. Nevzorov, Ponomarev e Iakubova. Após
numerosas detencións, que veremos máis adiante, entran no grupo Martov, Gofman,
Liakhovskii e Treniukhin.
A Unión pronto colle folgos entre o movemento
obreiro, como o demostra o feito de ser capaz de dirixir en San Petersburgo, en
1896, folgas en que participan 30.000 obreiros das grandes empresas de
maquinaria, papelería, goma, etc. É a primeira vez que na Rusia unha organización
socialista consigue fusionarse co movemento obreiro, ligando as reivindicacións
económicas coa loita política contra o sistema. Eis o labor de estadas de que
falabamos antes.
En pouco tempo, a Unión consigue estenderse
alén de San Petersburgo, organizando filiais en cidades como Moscova, Kiev ou
Ekaterinoslav. En 1897 pon en circulación o seu órgano de expresión, S.-Peterburgski Rabochi Listok (Revista
Obreira de San Petersburgo), do que se publican só dous números, o primeiro na
Rusia e o segundo xa en Xenebra. A revista pulaba polos obxectivos coñecidos da
Unión: ligazón das reivindicacións económicas coa loita política e, tamén,
necesidade da creación do partido do proletariado.
Vaneev, Heroe da Clase Obreira |
Dou anos antes, en 1895, a tentativa de
publicar o primeiro número da revista Rabocheie
Dielo frústrase pola actuación represiva da policía tsaristas. Así, no
amencer do 9 de decembro, após a denuncia dun provocador, a policía detén 57
militantes da Unión, entre os que estaba o propio Lenin. Tamén detiveron a
Anatoly Alexandrovich Vaneev, quen tiña no seu poder a maqueta da revista lista
para a súa impresión. Vaneev morreu de tuberculose catro anos despois nunha
prisión de Ermakovskoe, na Siberia Oriental.
Non foi este o único golpe represivo que
padeceu a organización. Durante a súa etapa revolucionario, foron detido 251
militante. Destes, 22 foron deportados a Siberia e á cidade de Vologda,
e moitos outros foron expulsados de San Petersburgo.
En 1898, con moitos dos militantes “vellos”
encarcerados ou exiliados, os economistas, como Takhtarev, tomaron o control
da Unión, eliminando o seu carácter revolucionario e avogando polo marxismo
legal, el bernstenianismo e a loita puramente económica. No entanto, os antigos
militantes que aínda estaban libres participaron na organización e celebración
do I Congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata da Rusia.
A importancia da Unión de Loita radica, en
palabras de Lenin, en que foi o xermolo do partido revolucionario que se apoia
no movemento obreiro e dirixe a loita de clase do proletariado. Unha necesidade
esta, a existencia do partido do proletariado, tan apremante a finais do século
XIX como agora, a principios do XXI.